Un 20% dos opositores non acoden ás probas para dúas categorías de enfermaría, odontoloxía e enxeñeiro técnico

Por primeira vez, unha muller realizará o seu exame desde fóra de Galicia, en concreto, desde Canarias, ao estar ingresada por embarazo

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 04/02/2024 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O Recinto Feiral Internacional de Galicia (Silleda) acolle este domingo a celebración das probas de acceso ao Sergas nas categorías de Enfermaría pediátrica, Enfermaría especialista en saúde mental, enxeñeiro técnico e odontólogo de atención primaria, ás que acudiron 536 persoas das 669 que estaban convocadas (80,1% de participación).

En concreto, na categoría de Enfermaría pediátrica realizaron o exame 144 dos 162 aspirantes admitidos (88,9%); en Enfermaría especialista en saúde mental, 103 das 113 persoas admitidas (91,1%), na categoría de Enxeñeiro técnico, 91 dos 146 convocados(62,3%) e, no caso da categoría de odontólogo/a de atención primaria participaron 198 das 248 persoas admitidas (79,8%).

O Servizo Galego de Saúde oferta na xornada deste domingo 31 prazas de Enfermaría especialista en Saúde Mental, 32 prazas de Enfermaría especialista en pediatría, 10 para a categoría de enxeñeiro técnico, 17 prazas para a categoría de odontólogo de atención primaria, e 306 prazas de celador.

No conxunto deste fin de semana, un total de 18.300 persoas están convocadas a participar nas probas selectivas das 779 prazas que o Sergas ofertou en 10 categorías do sistema sanitario público galego.

EXAME DESDE CANARIAS

Así mesmo, segundo trasladou a Consellería de Sanidade, por primeira vez na historia, unha das mulleres aspirantes a unha das prazas realizará o exame desde fóra de Galicia. En concreto, desde o Hospital Materno Infantil de Las Palmas de Gran Canaria, onde se atopa ingresada por estar embarazada a termo.

Miles de aspirantes vestíronse de negro como protesta mentres realizan as oposicións de Enfermaría do Sergas
Miles de aspirantes vestíronse de negro como protesta mentres realizan as oposicións de Enfermaría do Sergas | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta