Pontón e Besteiro critican o estado da sanidade pública: "enfermar en Galicia é un problema"

Piden máis medios e persoal para o Sergas. Sumar e Podemos tamén denuncian o "desmantelamento" do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2024 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

Os principais líderes da oposición en Galicia denunciaron este domingo a "deficiente" situación na que se atopa a sanidade pública en Galicia e criticaron a falta de medios e persoal que existe no Sergas. Foi mentres participaron na masiva manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela para esixir melloras no sistema.

Unha das manifestacións de SOS Sanidade Pública
Unha das manifestacións de SOS Sanidade Pública | Fonte: SOS Sanidade Pública

Así, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse este domingo a ser a presidenta que recupere a sanidade pública galega e asegurou que, ao longo os seus estes 15 anos de goberno, "o PP foi un Terminator". Na súa intervención, que destacou a necesidade de estar xunto "a miles" de persoas "defendendo a saúde, a sanidade pública" e que Galicia "necesita un cambio de rumbo" tamén en materia sanitaria, sostivo que nos últimos 15 anos o PP foi un "Terminator" da sanidade.

Segundo indicou, foron tres lustros nos que "non só houbo mala xestión, senón que tamén houbo moita ideoloxía". "Porque o que está a pasar responde a algo que quere o PP, e que é deteriorar o público para beneficiar ao privado". "Isto faino á conta da saúde dos galegos e galegas", afirmou.

"Vemos PAC sen médico e tamén comprobamos como o 14% da poboación galega está a esperar por unha cirurxía, por unha proba diagnostica ou pola consulta dun especialista", argumentou para asegurar que "todo isto resume á perfección a deterioración dun PP que nestes 15 anos non coidou a saúde da súa xente".

BESTEIRO

Tamén o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que "enfermar" é un problema en Galicia debido á situación do sistema sanitairo e comprometeuse a limitar a 48 horas a espera en atención primaria e a garantir unhas condicións dignas aos profesionais sanitarios.

"En Galicia lembramos cando chamabamos ao médico de cabeceira e ao día seguinte xa nos atendía", dixo Besteiro, que asegurou que "hoxe con Rueda, o presidente ausente, e coa herdanza de Feijóo, a cita pódese demorar ata 15 días". Fronte a iso, enarborou o "compromiso" dos socialistas coa sanidade pública e comprometeu limitar a 48 horas a espera en primaria, abrir os centros de saúde, contratar a especialistas en saúde mental, garantir pediatras para todos os nenos e nenas e unhas condicións laborais dignas para os profesionais sanitarios.

Ademais, preguntado pola presenza de todas as candidaturas da esquerda que concorren ás eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro na manifestación, nunha xornada na que Rueda acusou á oposición de organizar a protesta, Besteiro dixo que o problema en Galicia non é manifestarse, senón "enfermar".

MARTA LOIS

Pola súa banda, a candidata de Sumar Galicia á Presidencia da Xunta, Marta Lois, afirmou que o próximo 18 de febreiro será o "fin das políticas de desastre e desmantelamento dos dereitos e da saúde dos galegos" que deixaron "en coma" á sanidade pública galega. "Fronte ao desmantelamento da atención primaria, dos dereitos á saúde dos galegos", remarcou Marta Lois, ao comezo da manifestación. "É un clamor", salientou a candidata do partido laborista, quen defendeu o programa de Sumar Galicia para "dar un xiro de 180 graos a este desastre".

Entre outras propostas, garantiu un programa "completo con políticas útiles" para "reverter" a situación de "malos tratos" da sanidade. Entre outras, compromete que as urxencias "sexan como máximo de 24 horas" e garantir "un máximo de dous días para atención pediátrica" e 48 horas para a atención da saúde.

PODEMOS

No mesmo sentido, a candidata de Podemos Galicia á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, denunciou o "desmantelamento" da sanidade pública galega feito por parte do Partido Popular, con "2.000 millóns" de euros recortados en atención primaria. "Saímos a defendela ante o desmantelamento ao que ano tras ano nos condenan as políticas do Partido Popular e un dos exemplos máis claros que temos é os 2.000 millóns de euros recortados na atención primaria", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta