Agasallo de 20.000 antoloxías de Rosalía para todos os que merquen un libro en galego do 6 de febreiro ao 3 de marzo

A Fundación Rosalía e a Fundación Xistral lideran esta iniciativa co triplo obxectivo de "celebrar a Rosalía, promover o libro en galego e fidelizar lectores para mellorar a realidade do libro galego".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2024 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Fundación Rosalía e a Fundación Xistral regalarán 20.000 exemplares dunha selección da obra de Rosalía de Castro entre todas as persoas que compren un libro en galego con motivo do Día de Rosalía. O obxectivo, explican, é triplo: "celebrar a Rosalía, promover o libro en galego e fidelizar lectores para mellorar a realidade do libro galego".

O proxecto foi presentado este luns en rolda de prensa xunto a toda a programación do Día de Rosalía. Nela participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o representante da Fundación Xistral, Carlos Branco; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Olimpio Xiráldez.

A iniciativa está organizada pola Fundación Rosalía e a Fundación Xistral, unha nova entidade que "nace co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galegas e que, formada por actores importantes da cadea de valor do libro galego, inicia a súa actividade festexando á autora máis relevante das letras galegas".

Así, cada persoa que compre un libro en galego nas librarías galegas do 6 de febreiro ata o 3 de marzo, levará como agasallo unha selección de textos rosalianos titulada 'Celebremos Rosalía', realizada por Anxo Angueira e editada por Casa de Rosalía e Xistral. Na actividade, apoiada pola Xunta de Galicia, colaboran a Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.

OUTRAS ACTIVIDADES

A Fundación presentou tamén outras actividades e convidou a todo o país a celebrar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un 'Caldo de Gloria' e uníndose á Alborada para Rosalía. O acto central terá lugar, como sempre, ás 12 horas no Hostal dos Reis Católicos. Haberá unha lectura de poemas rosalianos e actuarán Os Carapaus, a cantante Faia e alumnos da Escola de Música de Santiago.

Antes, ás 11.00 horas, haberá Alborada con Os Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía en 1837. Todo comezará ás 10.00 horas en Padrón coa lectura de poemas do alumnado Instituto Camilo J. Cela de Padrón e do Macías O Namorado fronte á estatua de Rosalía.

Ao Caldo de Gloria xa se sumaron moitos colexios e locais hostaleiros de todo o país. Repartiranse máis de 60.000 manteis da iniciativa, esparexidos por toda a xeografía galega. Este ano participarán ademais varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alacante e Valencia.

Desde a Fundación o ano pasado repartíronse 46.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, 'Miña casiña, meu lar' no que a poeta explica como facer un caldo humilde "a partir da épica da supervivencia, diaria e doméstica, que protagoniza unha muller". Nesta sétima edición, volverá tras a pandemia o Caldo de Gloria á Casa-Museo da man de Suso de O Dezaseis e Uxía, coñecida parella gastronómico-cultural, responsable do popular restaurante compostelán e cantora galega, respectivamente.

Eles ofrecerán a súa versión do caldo aos presentes (19.00 horas), xunto co 'birlo do pote' realizado por tres mulleres de Mazaricos (Esther, Angelita e Laura). En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Óscar Vidal, Xoanqui Ameixeiras, Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas.

ALBORADA

A continuación, no auditorio da Casa-Museo terá lugar o concerto da cantora Faia, membro de The Vacas, no seu proxecto en solitario que traballa ao redor da música de tradición oral, coa voz como ferramenta esencial, a sonoridade do espazo e a escoita activa. Por último, este ano volverase a celebrar o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas. Trátase dunha peza musical escrita polo propia poeta, polo que fan un chamamento a todos os gaiteiros galegos, ademais doutros músicos, para "dar unha alborada e saudar con alegría e esperanza" o día do nacemento da escritora.

Rosalía de Castro
Rosalía de Castro | Fonte: Commons

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta