Morre o ourensán Miguel Ángel, porteiro do Real Madrid entre 1968 e 1986

En decembro de 2022 desvelaba que padecía esclerose lateral amiotrófica (ELA) e faleceu aos 76 anos, segundo confirmou este martes o club branco.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 06/02/2024 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O exporteiro ourensán Miguel Ángel González, gardameta do Real Madrid entre 1968 e 1986 e que en decembro de 2022 desvelaba que padecía esclerose lateral amiotrófica (ELA), faleceu aos 76 anos, confirmou este martes o club branco.

Nas súas 18 tempadas coa camiseta do Real Madrid, desde 1968 ata 1986, o porteiro ourensán gañou dúas Copas da UEFA (1985 e 1986), oito Ligas, cinco Copas de España e unha Copa da liga. Ademais, na tempada 1975-76 gañou o Trofeo Zamora.

Ademais, Miguel Ángel foi internacional con España en 18 ocasións, e formou parte da selección española nos Mundiais de Arxentina 1978, ás ordes de Ladislao Kubala, e España 1982, con José Emilio Santamaría como seleccionador.

Tras as súas 18 campañas como xogador, o galego seguiu ligado ao club branco. Así, desempeñou diferentes responsabilidades como delegado do primeiro equipo, como adestrador de porteiros e como director da antiga Cidade Deportiva do Real Madrid.

O Real Madrid mostrou o seu pesar polo falecemento de "un dos grandes porteiros" da súa historia e "lenda do Real Madrid e do fútbol español". "O Real Madrid quere expresar as súas condolencias e o seu agarimo á súa esposa, María del Pilar, ao seu fillo Miguel Ángel, aos seus netos Daniela e Mauro, aos seus familiares, aos seus compañeiros e a todos os seus seres queridos", concluíu.

O 17 de decembro de 2022, Miguel Ángel anunciou que padecía ELA. "Se o que teño, sei o camiño que hai que percorrer e iso é o que a min me dirixe e dáme forza. Cando perdo esa forza apóiome no agarimo da miña familia e dos meus amigos", sinalou o exporteiro o pasado ano durante o Foro Luís de Carlos da Fundación Real Madrid.

O porteiro do Real Madrid Miguel Anxo. REAL MADRID
O porteiro do Real Madrid Miguel Anxo. REAL MADRID | Fonte: Europa Press

XUNTA DE GALICIA

A Xunta de Galicia expresou este martes o seu máis sentido pésame polo falecemento do que fose o porteiro da selección española de fútbol e do Real Madrid, o ourensán Miguel Ángel González.

Nun comunicado, o Executivo autonómico referiuse a el como "un dos mellores futbolistas e o mellor porteiro que deu Galicia", polo que mandou unha mensaxe de apoio á súa familia, achegados e amigos, ademais da todo o tecido do deporte galego que está de loito por esta noticia.

"Miguen Ángel González foi un referente no fútbol de todo o mundo con grandes triunfos e importantes títulos tanto a nivel nacional como internacional e que chegou a ser o porteiro menos goleado na tempada 75-76", subliñou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta