Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2024 | Actualizada ás 17:43
A Audiencia Provincial, con sede en Santiago, condenou a dous anos e medio de cárcere e ao pago dunha multa de 1.653 euros ao matrimonio que se serviu do seu traballo no Sergas para acceder aos historiais médicos de dous familiares sen a súa autorización.
Segundo recolle a sentenza, o tribunal atópaos culpables de dous delitos de descubrimento de segredos na súa modalidade de acceso inconsentido a datos reservados de carácter persoal relacionados coa saúde rexistrados en soportes informáticos.
Consideran probado que a muller accedeu coas súas claves ao programa Ianus para ver a historia clínica do seu pai e da súa irmá. Concretamente, entre maio de 2015 e o 7 de decembro de 2016 fíxoo en 511 ocasións, no caso do pai, e en 303, no da súa irmá.
Sinalan ademais que parte da información que obtivo desta forma utilizouna ante a Fiscalía de Santiago en dilixencias informativas de discapacidade sobre o seu pai e tamén nun procedemento xudicial por mor dunha denuncia por parte do seu proxenitor.
No que respecta ao marido, tamén procesado, atopan probado que accedeu aos expedientes dos seus familiares en 27 ocasións (ao do sogro) e en cinco (ao da súa cuñada) entre o 12 de maio de 2015 e o 15 de xaneiro de 2016.
Recalcan ademais que os dous acusados foron sancionados por estes feitos con expedientes disciplinarios cunha sanción de suspensión de funcións por pare da Consellería de Sanidade.
Con todo, a Audiencia tivo en cuneta como atenuante que a acusada entrase no historial do seu pai e irmá para conseguir información sobre o estado de saúde de ambos, dado que "estaba a convivir con ela e non tiña información pola mala relación persoal que mantiñan".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.