Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 08/02/2024 | Actualizada ás 10:26
Un veciño de Noalla de 44 anos de idade faleceu na madrugada deste xoves tras caer ao mar co vehículo que conducía no porto de Portonovo, en Sanxenxo. Segundo informaron fontes municipais e do 112 Galicia, foi a propia vítima a que alertou ao 112 de que caera ao mar co seu coche, que estaba a ouvir entrar auga e que non sabía nadar. Sucedeu ás 4,26 horas da madrugada.
De inmediato foi despregado un amplo operativo formado por Policía Local, Gardacostas, GES de Sanxenxo, Garda Civil, Protección Civil, Bombeiros de Ribadumia e do Salnés e Salvamento Marítimo para tratar de dar co home. O persoal de seguridade do porto informou de que o vehículo caera entre a lonxa e o embarcadoiro.
Con todo, a escasa visibilidade e as malas condicións do mar impediron dar coa vítima ata as 6.00 horas da madrugada, cando a Policía Local solicitou ao 112 a presenza de persoal sanitario do 061 para certificar o falecemento do home, cuxo cadáver fora localizado flotando entre as embarcacións do porto.
Segundo os medios intervenientes, todo parece indicar que o condutor conseguiu saír do interior do vehículo polos seus propios medios, pero o vento e as correntes existentes nese momento desprazárono desde o lugar do sinistro ata a zona na que foi localizado. Á primeira hora da mañá deste xoves traballábase na recuperación do cadáver e as forzas da orde tratan de esclarecer as causas do suceso. Os servizos de emerxencias continúan buscando o vehículo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.