Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2024 | Actualizada ás 13:46
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse a impulsar un bono de 30 euros mensuais para utilizar no transporte público en Galicia, a reducir o IVE de alimentos e "declarar zonas tensionadas" aos concellos "de máis de 10.000 habitantes nos que o prezo do aluguer subise un 20% no últimos cinco anos".
Así o anunciou este venres nunha visita ao Mercado do Elviña da Coruña onde abordou a crise de prezos e os problemas para acceder a vivenda na comunidade galega. Pontón explicou que o bono de 30 euros poderase utilizar en "todo o transporte público que se move por Galicia, tanto tren como autobuses e onde existe, tamén o transporte de ría". Avanzou, ademais, que aprobará "en colaboración con outras institucións, unha rformulación das tarifas de transporte público".
Respecto ao incremento dos prezos da vivenda, a líder nacionalista sinalou que "non se pode seguir subindo o prezo do fogar de forma desorbitada" e anunciou que declarará "zonas tensionadas todos aqueles concellos de máis de 10.000 habitantes nos que o prezo do aluguer subise un 20% no últimos cinco anos". "Eu, como presidenta, declararei A Coruña como zona tensionada", afirmou, en resposta á petición da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, á Xunta.
Pontón insistiu en que nos últimos tempos "subiu todo" e para paliar o incremento da cesta da compra e doutros gastos citou, entre outras medidas que aprobará reducir o IVE dos alimentos, "facer permanente a redución do IVE de electricidade" e rebaixar a tarifa da luz "para compensarnos polos custos sociais e polos custos ambientais que ten a produción de electricidade no noso país".
DEBATES
Pontón tamén pediu unha vez máis ao PP que se "deixe de escusas" e "acuda aos debates aos que está convocado". "Non sei por que o Partido Popular segue escondendo ao seu candidato", incidiu. Fíxoo a preguntas dos xornalistas, este venres nun acto na Coruña, sobre a negativa do candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, a participar no debate de TVE, ao que tamén están convidados o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e a líder do BNG, quen xa confirmaron a súa asistencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.