Cidadanía e nova política

A resposta austericida que os Gobernos lle deron á Gran Depresión, xunto coa deterioración política manifestada no divorcio entre amplos sectores sociais e o bipartidismo dinàstico que monopolizou as Institucións os últimos trinta anos, foron o caldo de cultivo da toma de conciencia cidadá, da repolitización de moita xente. Milleiros se decatan que eles e a súa contorna empobrecéronse, quer ao perderen o traballo ou a súa pequena empresa, quer o veren reducidos ou precarizados os seus ingresos. E fronte este empobrecemento os Gobernos sanean a banca e recurtan a cobertura do desemprego, a sanidade, a educación e os servizos sociais, agravando substancialmente a mancada situación das clases medias e traballadoras. Mentres, abrollan centos de casos de corrupción que evidencian o afastamento de PP e PSOE a respecto dos problemas da maioría social. PP e PSOE amósanse moito máis pendentes de manter a súa capacidade de empregar aos seus ca de artellar políticas de crecemento que xeren emprego e recadación fiscal. Velaí o suceso da representación simbólica de PODEMOS: eles son a casta e non nos representan.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 23/08/2015

Comparte esta noticia
 Na Galicia ocorre todo isto cando formáramos as xeracións máis preparadas da nosa historia. Que ducias de milleiros de persoas novas e amplamente formadas tiveran de emigrar contribuiu rachar o pacto social da transición, por mor da corrupción e desinterese bipartidista.
 
Considérase, logo,  que non só hai que modificar substancialmente as políticas, senón que a cidadania ten de protagonizalas, que os veciños e veciñas han voltar á praza. Velaí a nova axenda: transparencia, limitación de mandatos, candidaturas brancas, candidaturas abertas. Mais os outros partidos, tradicionais alternativas ao bipartidismo, non foron permeábeis a este novo paradigma. Eis o auxe de Podemos primeiro e das marés, despois.
 
Cunha cidadanía máis formada e consciente, a política terá-xa as está a ter- estruturas moito máis líquidas. Non son tempos xa de organizacións políticas centralizadas e burocratizadas ou de solucións para o pobo sen contar co pobo. A nova política, que prioriza o protagonismo cidadán, veu para ficar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.