O TSXG tomba o terceiro intento de restauración da canteira de Casalonga

O Tribunal considera que a Declaración de Impacto Ambiental xa perdeu vixencia e o Plan de Restauración xa non ten apoio legal para seguir adiante

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/02/2024 | Actualizada ás 10:48

Comparte esta noticia

O TSXG conclúe que a DIA perdeu a súa vixencia para a restauración da canteira de Casalonga no Concello de Teo. En consecuencia, “o Plan de Restauración que se aproba na resolución recorrida carece de respaldo de avaliación ambiental, ao non estar vixente a DIA que no seu momento serviu para aprobar a versión inicial que agora se pretendía actualizar”.

Manifestación en Teo contra o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga
Manifestación en Teo contra o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga | Fonte: CASALONGA LIMPA DE RESIDUOS - Arquivo.

Ademais, o TSXG, considera que o cambio no uso final do chan, que pasa dun uso industrial do plan do 98 a un uso forestal no plan que se aprobou no 2021, este cambio é suficiente, por si mesmo, para que se tramitara un procedemento de modificación do plan de restauración e non a súa simple actualización. Isto significa que o procedemento de modificación do plan debería ter incluído como mínimo un trámite de información pública que aquí non se produciu. Esta é outra das causas pola que se anula a resolución de actualización do plan de restauración.

O TSXG establece que se omitiu “completamente o trámite de información pública, consulta que debe ser tida en conta á hora de adoptar a decisión. Esta alteración procedimental determina que debamos anular tamén por esta causa a resolución de actualización do Plan de Restauración, pois realmente precisaría unha modificación”. Esta sentenza tan só é susceptible de recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta