Por Galicia Confidencial | Galicia | 06/10/2008 | Actualizada ás 15:45
Onde andaban os delegados?
Tamén hai a quen lle chamou a atención que dos máis de 1.600 delegados inscritos, tan só votaron 1.373. E que foi do resto?; parte deles eran membros do Consello Nacional representantes dos Irmandiños, Movemento pola Base ou A Alternativa que non acudiron. Outros eran delegados da emigración e só acudiron dous ou tres. En total, suman case 60 delegados. E o resto?. Pois o resto, e segundo as diversas fontes, que neste punto son coincidentes, foron pola mañán pero non acudiron pola tarde, ben por compromisos familiares ou por compromisos festeiros. Hai quen di que o San Froilán tivo moito que ver nesta pequena espantada. E que pasou nas intervencións do documento político?. Pois foron moitas e moi variadas e, algunhas, con certos tintes críticos. E é que neste punto foron 33 os delegados que pediron a palabra, entre eles, Teresa Táboas, a única dos conselleir@s que falou para respaldar a Quintana. Tamén o fixeron outros membros institucionais como Carlos Aymerich, Encarna Otero e Santi Domínguez Olveira. Asemesmo falaron, dentro do sector "quintanista", Roberto Mera; Manuel Antelo, Bascuas e Saul Santim de Espazo Aberto, Xesús Veiga de Inzar ou Iago Tabarés do PNG-PG. Por parte da UPG interviñeron o seu líder, Francisco Rodríguez; o deputado, Bieito Lobeira o membro da Executiva, Alberte Ansede. Tamén tomaron a palabra, Fernando Blanco, Tereixa Paz, Lois Diéguez, Rafael Iglesias ou Paz Abraira, estes últimos críticos coa acción nacionalista na Xunta e que colleitaron sonoros aplausos entre os asistentes, principalmente, entre as bancadas da UPG.
Máis BNG
Rafael Iglesias, da CIG de Pontevedra, destacou o diálogo existente coas consellerías de Industria, Medio Rural e Vivenda, non así con Vicepresidencia ou Cultura. Paz Abraira foi máis alá e cargou contra todas as consellerías porque non se atenden as peticións das organizacións locais e comarcais e dos concelleiros do Bloque. Unha crítica que foi moi ovacionada. Tamén Lois Diéguez, da UPG de Lugo, cargou contra o proxecto da Cidade da Cultura e, especialmente, contra a fundación prevista para a súa xestión. E logo chegou o turno de Quin cargado de certo simbolismo por iso de sentirse "bloqueiro" dos pés á cabeza, aínda que polo baixo alguén dixo que agora era "bloqueiro de moqueta".En todo caso, bloqueiros a secas e bloqueiros de "moqueta" comparten ideas e obxectivos comúns, aínda que os aplausos colleitados polo candidato non teñan sido tan efusivos coma en outras ocasións.
***************************************
Crónica.- Quintana contra Quintana
X.S./ Santiago de Compostela
Anxo Quintana xa é, oficialmente, o candidato do BNG á Xunta. Nun congreso á "bulgara", segundo os seus críticos, o líder nacionalista asumiu o reto de levar ao nacionalismo as súas máximas cotas de poder e de sacar adiante un atrancado Estatuto de nación. Non o terá doado o de Allariz, máxime, cando só un destes obxectivos está na súa man; o primeiro. E é que superar os 18 escanos de 1997 semella difícil nun contexto de forte polarización entre as duas principais forzas políticas do Estado e sentindo detrás a sombra alongada de quen chegou a esa cota, Xosé Manuel Beiras. Un Beiras, que por certo, preferiu o polbo do San Froilán, que compartiu cun grupo de condicionais, a arroupar o seu líder. O outro, o de sacar adiante un "Estatuto de nación", non está da súa man. Depende do PPdeG e do PSdeG, ou en todo caso, do apoio de dous tercios do Parlamento galego, algo que, por agora, parece imposible. Tras o fracaso do primeiro intento polo veto popular, Quintana quere xubilarse no BNG cun texto que encha o sentimento de país que lle piden os seus e que repare a "aldraxe", xa superada, que no seu día supuxo o actual texto.
Saiu Quintana ante os seus coma un gladiador disposto a baterse na area, sabedor de contar cun grupo incondicional e cunhas armas poderosas. Unha estratexia boa e razonable pero que peca de certa inxenuidade, sobre todo, coñecendo as tácticas dos seus rivais e a esixencia e o cambio constante dos gustos do respetable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.