Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2025 | Actualizada ás 16:45
O primeiro Debate sobre o Estado da Autonomía desta lexislatura concluíu cun total de 53 resolucións aprobadas, sete delas co apoio unánime dos 75 deputados que suman PPdeG, BNG, PSdeG e Democracia Ourensana (un representante), entre as que se atopan o 'Bono Peixe' anunciado este mércores polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou a declaración do Xacobeo 2027 como Evento Excepcional de Interese Público.
Aínda que o ton do debate non estivo exento de rifa e situou a un PPdeG e a unha oposición en planos moi distantes (os populares a quen deron máis respaldo foi ás propostas do deputado de D.O., Armando Ojea), o número de resolucións aprobadas supera ao do último debate de política xeral que viviu o Pazo do Hórreo en 2023.
Entón, saíron adiante un total de 41 propostas, 12 menos que este venres, cando se superou o medio centenar de iniciativas aprobadas. Iso si, en termos de unanimidade, a análise é distinto: só houbo sete propostas que uniron a todos os grupos, cando en 2023 foron un total de 13.
UNANIMIDADES
Do total de unanimidades aprobadas, cinco foron propostas do Grupo Parlamentario Popular e duas de Democracia Ourensana. Así, todos os parlamentarios apoiaron conxuntamente tres demandas ao Goberno central expostas polo PPdeG: solicitar que conceda "canto antes" ao Xacobeo 2027 a declaración de Evento Excepcional de Interese Público, que o Centro Nacional de Ciberseguridade se sitúe en Galicia e a cesión dos inmobles baleiros onde existe maior demanda acreditada de vivenda propiedade da Sareb.
Doutra banda, PP, BNG, PSdeG e D.O. coincidiron en instar á Xunta a ampliar este ano o calendario de vacinación dos nenos, novos e maiores, así como a fomentar o consumo de peixe e marisco fresco nas pescaderías galegas a través de 'Bono Peixe', anunciado neste debate polo titular do Goberno galego, Alfonso Rueda.
De Democracia Ourensana, o deputado Armando Ojea logrou que todas as formacións apoiasen dúas das 29 propostas presentadas. Os grupos coincidiron en pedir á Xunta reforzar as medidas de seguridade viaria nas contornas escolares, incluíndo melloras na sinalización, pasos de peóns e zonas de baixa velocidade.
Tamén deron luz verde a outra proposta de D.O., que incluíu unha transacción do grupo popular, pola que se insta á administración autonómica a impulsar axudas destinadas a agricultores e gandeiros afectados pola posible declaración de zonas vulnerables "no caso de que finalmente haxa que declaralas" e "sempre que sexan afectadas pola contaminación de nitratos de orixe agraria, mantendo os compromisos alcanzados pola Xunta na mellora do regadía da Limia".
OUTRAS PROPOSTAS ACORDADAS
Ademais das unanimidades, tamén saíu adiante unha proposta do Grupo Socialista para "redefinir" o programa 'E-Dixgal', que contou co voto favorable da bancada popular e do deputado do Grupo Mixto, mentres que os nacionalistas votaron en contra.
Doutra banda, o PPdeG deu luz verde coa súa maioría ás iniciativas presentadas, especialmente, por Alfonso Rueda na primeira xornada deste debate. Asuntos relacionados co traspaso de competencias, melloras en educación, sanidade, dependencia e industria, foron algunhas delas.
Os socialistas deron o seu voto favorable a rexeitar "expresamente actitudes de turismofobia", que se faga efectiva a transferencia do litoral de maneira inmediata ou demandar medidas para "manter a posición de liderado de Galicia nas enerxías renovables".
Mentres, o Bloque apoiou a proposta dos populares para demandar ao Goberno que convoque o Consello de Política Fiscal e valorar un modelo xusto de financiamiento local, así como pedir ao Executivo central que apoie ao sector agrario e a outros posibles sectores afectados polo novo contexto arancelario. Outra na que deron o seu voto favorable foi para demandar a mellora da rede ferroviaria galega.
Ambas as formacións tamén coincidiron na súa posición favorable a un acordo alcanzado entre D.O. e os populares para que a Xunta recoñeza o labor do filólogo galego Isaac Alonso Estraviz.
EVIDENTE FALTA DE CONSENSO ARREDOR DO GALEGO
Agora ben, se algo deixou claro tamén o Debate do Estado sobre a Autonomía foi a falta de consenso dos grupos en torno ao idioma galego. Unha falta de aproximacións que se plasma nun contexto no que a Xunta traballa por alcanzar un pacto na materia pero as diferenzas entre os grupos mantéñense e os populares denunciaron que o BNG trataba de "boicotear" o posible consenso.
Estas discrepancias deixáronse ver nalgunha das intervencións do debate de política xeral, como a da viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, que reprochou ao Bloque a súa "supremacía moral" co galego e suxeriu que hai quen "non o fala" porque os nacionalistas "se rin deles porque o falan mal". Pola súa banda, asegurou que ela mesma que non renunciará a falalo aínda que "o faga mal". Sobre o galego tanto PP como BNG e PSdeG presentaron as súas respectivas propostas para impulsar o uso do galego pero ningunha reuniu o consenso e só saíu adiante a impulsada polo propio PPdeG co voto a favor do parlamentario de Democracia Ourensana.
E é que mentres que o PSdeG optou pola abstención, os nacionalistas galegos directamente votaron en contra dun texto que instaba á Xunta a impulsar un pacto pola lingua, que emerxa do consenso político e social e que cristalice nunha renovación do Plan xeral de normalización lingüística, ademais do impulso de novas medidas que promovan un maior uso do galego en todos os ámbitos. O texto dos populares, reclamaba, ademais, ao Goberno central un maior compromiso para o financiamento destinado ás políticas de promoción das linguas cooficiais, asegurando un equilibrio na repartición entre comunidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.