Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2024 | Actualizada ás 17:10
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asegurou que o Entroido da cidade este ao foi "o mellor da historia" e situouno en "top ten de entroidos do planeta".
"O medible non é opinable e os parámetros de participación son os que son", manifestou Pérez Jácome durante unha valoración das festas, aludindo a que "se bateron todas as marcas" en canto a número de asistencia, tanto nocturna, "especialmente o luns á noite porque o tempo foi extraordinario", como "no tardeo" e na sesión infantil, ademais do desfile, que "foi multitudinario".
O alcalde destacou que o luns noite foi "o pico da movida nocturna" da cidade con cheos no "catro puntos quentes" do casco antigo: na Alameda, con 8.000 asistentes, na Praza Maior, con 3.000, na Praza de Santa Eufemia, con 2.000 e no Corrixidor, con 1.000 persoas. Ademais de "máis de 10.000 persoas" entre outras prazas e rúas adxacentes e o enclave de Frei Canedo.
Na mesma liña, asegurou que, desde o Xoves de Comadres, coa Praza Maior chea, ata este mércores de cinza, toda a rúa do Paseo "estivo abarrotada" e ademais "introduciuse o tardeo con miles de persoas bailando con música en vivo". A isto sumou o "éxito total" dos entroidos de Frei Canedo, así como o de Eiroás e Seixalbo.
"Púidose ver que o entroido de Ourense xa se relaciona co de Tenerife e co de Cádiz. Sen dúbida é o gran referente da metade norte de España", garantiu o alcalde da cidade das Burgas, que a continuación engadiu que, ademais de ser "un super Entroido da capital", "está reforzado" por todos os Entroidos da provincia. Con iso, dixo, "está claro que a nosa terra é un auténtico epicentro o entroido e, sen dúbida, está tamén no top ten de entroidos do planeta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.