Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2024 | Actualizada ás 18:50
Os enfermos con cardiopatías da área sanitaria de Santiago serán os primeiros en beneficiarse de Timeley, unha plataforma de intervención, prevención e predición temperá de riscos, centrada no paciente para apoiar o proceso continuo da atención en enfermos no programa de rehabilitación cardíaca, utilizando eSalud e intelixencia artificial.
A finalidade do estudo, cuxos resultados serán publicados antes de que finalice o 2024, é ver como o uso, ou non, dunha aplicación móbil durante o programa de rehabilitación cardíaca, así como a introdución de intervencións dirixidas ao cambio de hábidos máis saudables, inflúen no risco cardiovascular do paciente.
O centro sanitario de Compostela é o que conta, ata o momento coa participación de máis enfermos, 74, dos 120 que teñen como obxectivo cada un dos tres hospitais --CHUS, Tilburg, de Holanda, e o Köningsfeld, de Alemaña--. Así, determinarán o risco cardiovacular antes e despois da intervención utilizando unha escala baseada en varios parámetros obtidos de mostras de sangue.
Este é un estudo de control aleatorio (RCT) no que se formarán dous grupos ao azar, un grupo de control, que recibirá a atención estándar proporcionada no contexto do programa de Rehabilitación Cardíaca, e outro grupo, de intervención, que ademais da atención estándar recibirá uns dispositivos, así como acceso a 'Timeley' que se instalará no móbil persoal do enfermo.
A hipótese principal dos investigadores é que, os pacientes que reciben a aplicación e son xestionados a través do grupo de intervención, terán unha puntuación na escala de risco significativamente menor e, por tanto, unha menor mortalidade prevista a longo prazo en comparación cos pacientes que reciben atención estándar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.