Sumar pecha a campaña cunha Yolanda Díaz que tenta diferenciar á súa forza do BNG

Marta Lois diferenza a súa forza do resto de partidos progresistas: son a "garantía" de que se poñan en marcha medidas "valentes". Así o reiterou no mitin celebrado no hotel Palacio do Carmen en Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2024 | Actualizada ás 21:12

Comparte esta noticia

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, apelou a aqueles "que teñen dúbidas" sobre que papeleta depositar nas urnas o vindeiro domingo para pedirlles que confíen en Sumar porque os "dous escanos" que aspira a lograr polas provincias da Coruña e Pontevedra serán os que fagan "caer" ao presidente da Xunta e aspirante do PP, Alfonso Rueda.

Sumar Galicia pechou a campaña nun mitin celebrado no hotel Palacio da Carmen de Santiago de Compostela, onde Lois estivo arroupada pola vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, xunto ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e a exalcaldesa de Barcelona, Ada Colau.

Ante unha sala na que se reuniron unhas 200 persoas no sprint final da carreira ás urnas nas que Galicia decidirá o seu Parlamento autonómico para o próximos catro anos, a candidata e os seus acompañantes entraron no salón mentres mentres soaba por megafonía 'Tataravoa' de Fillas de Cassandra.

A encargada de abrir o mitin de peche de campaña, no que se envorcou a líder de Sumar, Yolanda Díaz; foi a propia Lois, que remarcou, na liña da mensaxe reiterada ao longo dos últimos días, que compiten co PP polos restos dos últimos escanos en repartición polas circunscricións de Pontevedra e A Coruña.

"Se Sumar consegue eses dous escanos, e quédalle pouco, Rueda cae", sentenciou Lois, que puxo o foco naqueles que confiaron en Sumar nas eleccións xerais do pasado mes de xullo, nas que lograron dous asentos no Congreso, precisamente, polas provincias nas que aspira a chegar ao Pazo do Hórreo.

A eles e tamén aos que "non votaron" a Sumar, a exconcelleira en Santiago subliñou que o "voto a sumar foi útil" e que, o exemplo disto, é Yolanda Díaz. "Que miren as políticas que facemos no Estado", aseverou Lois, que incidiu en que estas eleccións "non van" de "cambiar unhas siglas por outras" na Xunta, senón de que "ese cambio histórico" se traduza "en políticas" como as que pon en marcha o goberno de coalición no Estado.

"Non todas as forzas progresistas somos iguais", sentenciou Lois, que, tras incidir en que son a "garantía" de que se poñan en marcha medidas "valentes" como limitar o prezo dos alugueres ou subir os impostos "aos que máis teñen", incidiu en que as enquisas reflicten que Sumar é "o voto decisivo" para lograr nas urnas o "sentimento de cambio e de ilusión" que di percibir na sociedade galega.

(I-D) A exalcaldesa de Barcelona, Ada Colau; a cabeza de lista de Sumar Galicia por Pontevedra, Ramón Sarmiento; a candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta de Galicia, Marta Lois; a vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz. Agostime - Europa Press
(I-D) A exalcaldesa de Barcelona, Ada Colau; a cabeza de lista de Sumar Galicia por Pontevedra, Ramón Sarmiento; a candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta de Galicia, Marta Lois; a vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz. Agostime - Europa Press | Fonte: Europa Press

 YOLANDA DÍAZ AFEA A REUNIÓN ENTRE O BNG E A CEG

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda do Goberno e líder de Sumar, Yolanda Díaz, ironizou no peche de campaña co encontro mantido pola candidata do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, quen cualificou de "amigables" as propostas dos nacionalistas. "A min a patronal nunca me dixo que as miñas propostas eran amigables", espetou.

O número tres do Goberno foi a encargada de pór o punto final á campaña para as eleccións autonómicas de Sumar arroupando este venres nun hotel de Santiago ao seu aspirante á Xunta, Marta Lois, nun mitin no que tamén participaron o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e a exalcaldesa de Barcelona, Ada Colau, ademais da cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento.

No último día de campaña, Díaz lanzou esta crítica velada ao Bloque e a súa candidata Ana Pontón, á que, ao longo da carreira cara ao 18 de febreiro, xa afeara o voto en contra da formación frontista á reforma laboral no Congreso, unha censura que retomou este venres.

"As forzas galegas que votaron en contra da reforma laboral non estaban a pensar na xente do país", sentenciou para, a continuación, incidir en que é "necesario" que Sumar logre estar no Parlamento galego e entre no gobienro da Xunta para, desde alí, "defender os dereitos da xente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta