Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2024 | Actualizada ás 13:56
Un total de 25 establecementos de hostalaría de Celanova ofrecerán este venres, día 23, o 'Caldo de Gloria', unha receita que Rosalía de Castro describe no poema 'Miña casiña, meu lar', como homenaxe á escritora unha xornada na que se cumpren 187 anos do seu nacemento.
Nos restaurantes incluirase o 'Caldo de Gloria' no menú do venres, mentres que en cafetarías e taperías ofrecerase unha cunca de caldo como tapa coa bebida. Esta é unha iniciativa que a Fundación Rosalía de Castro puxo en marcha hai anos co fin de implicar á hostalaría local na divulgación da escritora e da súa obra. Así mesmo, desde o ano pasado, o proxecto conta coa colaboración das fundacións de Curros Enríquez e Eduardo Pondal, autores do Rexurdimento (movemento de finais do século XIX que marcou o revivir da lingua galega no ámbito literario e cultural).
Por tanto, quen queira conmemorar o día e gozar do caldo poderá facelo, ademais de en Celanova (vila natal de Curros Enríquez), en Padrón e Ponteceso. A Asociación de Amas de Casa 'Ilduara' colaborará na elaboración do caldo e, así mesmo, haberá unha "foliada" na que se lerán poemas rosalianos e na que participará a Banda de Gaitas de Celanova e o Grupo Lembranza Solpor.
Segundo a Fundación Curros Enríquez, os restaurantes, cafetarías e taperías de Celanova responderon "maginíficamente". Máis do 50 % dos locais de hostalaría do municipio arrouparon esta iniciativa, o que "dá mostra da sensibilidade deste sector". Así mesmo, a fundación distribuirá entre os negocios participantes poemas de Rosalía de Castro para que a lectura de poesía acompañe a celebración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.