Pontevedra, a provincia máis nacionalista, onde o BNG rouba votos ao PP nas grandes vilas

Un total de 34 dos 61 que compoñen a provincia (máis da metade), deron máis dun 30 % dos votos ao BNG.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 23/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é diversa. A nosa terra é un territorio onde nada ten que ver a mentalidade nin a cultura das zonas da costa coas zonas do interior, a daqueles pobos máis do rural coa dos máis próximos á cidade ou a dos concellos con máis poboación moza que a de aqueles nos que os maiores de 65 son os que seguen a darlle vida. E toda esta diversidade tamén se reflexa nas urnas. Á hora de votar, hai tendencias que se poden observar claramente en cada provincia e que dende Galicia Confidencial tratamos de detectar facendo unha análise exhaustiva dos datos das últimas eleccións autonómicas deste 18F concello a concello, para contarvos as curiosidades de cada provincia e explicarvos máis polo miúdo que é o que aconteceu nestes comicios nos que se agardaba un cambio que finalmente non chegou. 

Primeira, segunda e terceira forza nas eleccións do 18F
Primeira, segunda e terceira forza nas eleccións do 18F | Fonte: EP Data

En concreto, na provincia de Pontevedra, a diversidade faise patente mírese cara onde se mire. Trátase da provincia que apoiou en maior medida ao BNG, que logrou alzarse como primeira forma en nada menos que sete concellos (entre eles a cidade de Vigo), onde as grandes vilas se sumaron ao voto nacionalista. Mentres, o PP, aínda que segue impoñendo a súa cor en practicamente todo o territorio, foi perdendo votos progresivamente, e non é xa tan dominador como noutras provincias como pode ser o caso das de interior, Lugo e Ourense. De feito, en oito concellos de Pontevedra quedouse por debaixo do 40 % dos votos. O PSdeG, pola súa parte, pasa sen pena nin gloria nestes comicios, onde Pontevedra é a única provincia na que a súa desfeita non é tan acusada, ata o punto de que algo segue contando nalgúns concellos, mentres que nun total de 16 dos 61 municipios (nun de cada catro) que conforman a provincia obtivo menos do 10 % dos votos.

O PP PERDE APOIOS EN SETE GRANDES VILAS: CANGAS, CATOIRA, MOAÑA, O GROVE, REDONDELA, SOUTOMAIOR E VIGO, ONDE O SUPERA O BNG

Así, o PP foi a forza máis votada en todos os concellos da provincia de Pontevedra agás en sete grandes vilas e urbes, onde se viu superado polo BNG, aínda que sen moita distancia: Cangas (26.832 habitantes), onde o BNG obtivo o 45,96 % dos votos fronte ao 37,02 % do PP; Catoira (3.331 habitantes), co 44,03 % dos votos a favor do BNG fronte ao 38,74 % dos populares; Moaña (19.474 habitantes), cun 46,45 % do BNG fronte ao 36,62 % do PP; O Grove (10.518 habitantes), cun 43,46 % fronte ao 34,33 %; Redondela (29.055 habitantes), cun 39,91 % fronte ao 36,68 %; Soutomaior (7.426 habitantes), cun 45,27 % fronte ao 41,02 %; e Vigo (292.374 habitantes), cun 37,02 % dos votos en apoio ao BNG de Ana Pontón fronte a un 35,19 % de votos que apoiaron ao PP de Alfonso Rueda. Estamos falando, neste caso, de cidades e grandes vilas que superan os 10.000 habitantes en todos os casos agás no de Catoira e Soutomaior.

De toda a provincia, o concello no que os populares recabaron maiores apoios foi en Dozón, onde sacarón o 75,28 % dos votos totais (é dicir, tres de cada catro votos dos seus apenas 1.073 veciños), fronte ao 16,18 % obtido polo BNG e ao 5,49 % do PSdeG. E aínda que este foi o único concello onde superou o 70 % dos votos, tamén quedou por riba do 60 % noutros sete: A Lama (2.397 habitantes), Agolada (2.304), Campo Lameiro (1.778), Crecente (1.994), Lalín (20.201), Vila de Cruces (5.208) e Vilanova de Arousa (10.240). Aos que hai que sumar outros 21 concellos nos que máis da metade da poboación tamén elixiou aos populares como primeira forza: A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Forcarei, Meaño, Meis, Moaña, Oia, Poio, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda e Valga. A variedade faise notable, xa que entre estes concellos hai algúns moi pequeniños do interior, pero tamén outros de costa e con maior número de habitantes.

O BNG SUPERA O 40 % DOS VOTOS EN CANGAS, CATOIRA, MOAÑA, MONDARIZ-BALNEARIO, O GROVE, O ROSAL, SOUTOMAIOR E TOMIÑO

No caso do BNG, o partido de Ana Pontón foi segunda forza en todos os concellos da provincia agás nos 7 onde quedou de primeira (Cangas, Catoira, Moaña, O Grove, Redondela, Soutomaior e Vigo) e en Fornelos de Montes, onde lle adiantou o PSdeG (o BNG obtivo o 19,95 % dos votos, o PSdeG o 34,39 % e o PP o 38,47 %). Ademais, é preciso resaltar que en oito concellos da provincia o BNG superou o 40 % dos votos: Cangas (co 45,96 % - onde foi primeira forza), Catoira (co 44,03 % - onde foi primeira forza), Moaña (co 46,45 % - onde foi primeira forza), Mondariz-Balneario (co 42,51 %), O Grove (co 43,46 % - onde foi primeira forza), O Rosal (co 40,89 %), Soutomaior (co 40,89 % - onde foi primeira forza) e Tomiño (co 40,65 %). Foi Moaña (19.474 habitantes) o concello pontevedrés onde obtivo máis apoios: o 46,45 % dos votos fronte ao 36,62 % do PP e o 9,87 % do PSdeG. 

Así mesmo, tamén noutros 26 concellos da provincia de Pontevedra superou o 30 % dos apoios a formación de Ana Pontón: A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, As Neves, Baiona, Bueu, Cambados, Covelo, Gondomar, Marín, Mondariz, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tui, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. Así as cousas, sumando todos estes concellos, obtemos que un total de 34 dos 61 que compoñen a provincia (máis da metade), deron máis dun 30 % dos votos ao BNG. Mentres que só houbo catro nos que a formación de Pontón sacou menos do 20 %: Crecente, co 19,15 %; Dozón, co 16,18 %; Fornelos de Montes, co 19,95 % (onde o PSdeG lle arrebatou o ser a segunda forza); e Rodeiro, co 19,42 %. 

FORNELOS DE MONTES, O ÚLTIMO BASTIÓN SOCIALISTA NUNHA PROVINCIA ONDE O PSDEG NON SUFRIU TANTO COMO NO RESTO

Pola súa banda, o PSdeG nesta provincia pasou desapercibido, sendo na que menos porcentaxe de votos perdeu das catro. De feito, só 16 dos 61 concellos de Pontevedra outorgaron ao PSdeG menos do 10 % dos votos: A Lama, Arbo, Bueu, Cangas, Dozón, Lalín, Moaña, Vilanova de Arousa, Mondariz-Balneario, O Rosal, Pazos de Borbén, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces. E é que aínda que poidan parecer moitos, non son nada en comparación coa apoios que os socialistas perderon en moitos municipios das outras provincias. De feito, nesta de Pontevedra tampouco houbo ningunha vila na que quedasen por debaixo do 5 % dos votos, como si houbo nas provincias de A Coruña, Lugo e Ourense. E non caeron do 10 % dos votos en ningunha das grandes cidades: nin Vigo (onde chegaron ao 20,05 %) nin Pontevedra (onde quedaron no 13,84 %).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta