Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/02/2024 | Actualizada ás 10:00
Foi unha das fontes que entrevistou Elena Moure, estudante de 4º de Xornalismo na USC, para a súa reportaxe centrada na diabetes e que publica agora o GC. Convivir coa enfermidade pode afectar notablemente á saúde mental. As persoas con diabetes teñen entre 2 e 3 veces máis propabilidade de padecer depresión que unha persoa que non padece esta patoloxía e un 20% de sufrir ansiedade segundo o CDC.
Mario Rivas confirma que hai moitas persoas diabéticas que padecen ansiedade pola enfermidade e que moito ten que ver co estancamento en estereotipos relacionadas co descoñecemento da enfermidade. A pesar disto, este enfermeiro salienta que “na miña curta traxectoria de 10 anos como profesional, vin pacientes que cuns bos coidados dun xeito independente, con exercicio e un bo equipo ao seu lado que lles axude na xestión emocional, esta parte de ansiedade mellora de xeito considerable”.
Os niveis de glicemia vense afectados por moitas emocións e tamén polas variacións hormonais que poidan ter as persoas diabéticas durante o seu día. O estudo que leva a cabo Rivas trata esta cuestión e os resultados demostran que as emocións están ligadas nunha gran parte dos casos a un descontrol dos niveis de azucre. Teresa González, psicóloga e diagnosticada con diabetes tipo 1, tamén confirma que sendo diabética “as cousas pésanche máis, parece que se tes un mal día, tamén tes mal o azucre”.
Outra das persoas que máis sofren este estrés son os coidadores, Eliseo Moure, diabético tipo 2 e antigo coidador dunha nena con diabetes tipo 1 explica que: “había momentos bos e ruíns. Ao principio é máis difícil, estando acostumados a durmir toda a noite, pasar a estar preocupado por se lle baixa o azucre á túa filla... É un golpe duro, pero hai que acostumarse e, sobre todo, informarse”. A información, como di Eliseo, é un dos recursos máis importantes que teñen as persoas diabéticas á súa disposición. Coñecer a enfermidade permítelles obter unha tranquilidade en canto aos seus coidados e tamén a sentirse comprendidos.
O PAPEL DAS REDES SOCIAIS
As redes sociais xogan na actualidade un papel moi relevante para a concienciación en canto á enfermidade e como afecta á vida diaria das persoas que conviven con ela. Cada vez hai máis persoas diabéticas que se animan a mostrar o seu día a día convivindo coa diabetes, por exemplo “instagrammers” coma @joandvlog. Teresa González incide en que moitas persoas diabéticas comezan a investigar dentro das redes sobre a súa enfermidade: "algúns perfís como @diabefem, fixéronme descubrir cousas moi interesantes como a relación entre o ciclo menstrual e a diabetes".
Os propios sanitarios tamén aprenden das redes sociais e descobre novos avances da enfermidade. Mario Rivas conta que os propios profesionais tamén deben estar presentes nas redes sociais e que hai momentos nos que son os propios pacientes os que lles envían aos facultativos publicacións sobre avances dos que eles aínda non estaban ao tanto, pero que investigan e confirman a súa posible utilidade.
Desde a sanidade pública non se oferta un apoio ás pacientes máis alá da parte da enfermidade física, pero o certo é que a diabetes xoga un papel moi relevante na mente de quen a padece. As reivindicacións dos colectivos relacionados coa diabetes teñen que ver coa visibilización e concienciación sobre ela; ademais da relevancia dunha maior financiación en canto ao seu estudo (tanto emocional como físico) e aos tratamentos novidosos que poden mellorar a vida das persoas con diabetes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.