Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2024 | Actualizada ás 18:46
Catorce novas xuízas destinadas a Galicia tomaron posesión nun acto celebrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) con presenza, entre outros, do seu presidente, José María Gómez e Díaz-Castroverde, e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Xustiza, Diego Calvo. No acto, o presidente do alto tribunal galego destacou que as xuízas son maioría na carreira e apostilou que é "o camiño para romper o teito de cristal nos cargos de goberno".
Tamén lembrou ás 14 novas xuízas destinadas a Galicia que a súa profesión esixe "independencia, integridade, empatía e humildade". "Nada nos condena a un pesimismo crónico", asegurou Díaz-Castroverde tras advertir do "delicado momento" no que inician a súa función debido á non renovación do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ).
Díaz-Castroverde incidiu, ademais, na importancia de que a sociedade "confíe nos xuíces e xuízas", á vez que reivindicou que o Poder Xudicial é "imprescindible para o funcionamento do Estado de Dereito e para a propia subsistencia da democracia".
Pola súa banda, a xuíza Marta Guizán Roca, primeira no escalafón das destinadas a Galicia, interveu para destacar que son "símbolo da forza e perseveranza das mulleres, que se abren paso, cada vez de maneira máis clamorosa, no mundo xudicial", á vez que indicou o seu desexo de que "esta maioría feminina se vexa reflectida nos máis altos cargos xudiciais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.