Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2024 | Actualizada ás 14:46
O presidente da Confederación de Empresarios (CEG), Juan Manuel Vieites, trasladou a "necesidade" de eliminar ou reducir o IVE do consumo de produtos do mar. "Estamos preocupados pola caída do consumo de peixe", apuntou o presidente.
Segundo a CEG, o valor engadido bruto que se xera nos produtos de pesca e acuicultura en Galicia "é 25 veces superior" ao da Unión Europea e "máis de seis veces superior" ao de España. Así mesmo, resaltou o valor e importancia do sector marítimo e industrial en Galicia, do que dependen "máis de 50.000 empregos directos".
Así o explicou Vieites nunha visita este mércores a Congalsa, que definiu como "unha das poucas empresas alimenticias galegas que deu o paso de converterse en fábrica intelixente". Outra das preocupacións que o presidente da CEG tratou durante a visita é a "correcta identificación e distinción" das importacións, que supoñen "o 70% dos produtos pesqueiros que se consomen na UE".
"É preciso que todos os produtos importados cumpran as normas e os criterios alimentarios pertinentes da UE, incluídos os da Política Pesqueira Común (PPC), así como as normas sanitarias, laborais e de seguridade dos buques e establecementos industriais, as obrigacións en materia de sustentabilidade e medio ambiente", subliña Juan Manuel Vieites, quen reivindica unha "competencia xusta".
LEI DO LITORAL RECORRIDA ANTE O TC
Doutra banda, o presidente do empresariado galego advertiu que a suspensión da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) --recorrida ante o Tribunal Constitucional polo Goberno central en outubro de 2023-- "supón a paralización das concesións no litoral e dos sistemas de depuración de augas".
Desta forma, segundo a asociación empresarial ponse "en risco a viabilidade de preto de 4.000 edificacións e centos de empresas que operan na costa" e "prexudica", ademais, aos galegos que viven da costa.
"Non entendemos que o Goberno Central recorra a lei e ataque as competencias de Galicia. Non se trata dunha lei política, senón dunha lei que persegue a xestión sustentable, no ambiental e no socioeconómico, da costa de Galicia promulgada desde onde mellor se coñece, Galicia", manifestou o presidente da confederación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.