BNG, PP, PSOE e Compostela Aberta apoian as mobilizacións do movemento feminista do 8M en Santiago

O pleno municipal tamén aprobou unha declaración institucional con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se celebra hoxe 29 de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/02/2024 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Santiago, onde goberna BNG en coalición con Compostela Aberta, deu luz verde na mañá deste xoves unha Declaración Institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que os catro grupos da corporación se comprometen a favor da loita feminista e condenan a "desigualdade entre homes e mulleres, un problema estrutural que debemos combater con todos os recursos e todas as nosas forzas".

A declaración --que conta, por tanto, co respaldo de PP, BNG, PSOE e Compostela Aberta-- apoia, entre outras cuestións, as mobilizacións convocadas polos colectivos feministas para o 8 de marzo e fai fincapé no compromiso municipal coa defensa dos dereitos das mulleres para seguir avanzando na igualdade como sociedade.

Ademais, recoñece a necesidade de que as administracións contribúan "cunha perspectiva integral e integradora, que dea impulso ás redes de colaboración entre mulleres e o conxunto do movemento feminista e un maior grao de colaboración entre institucións, para sumar esforzos e garantir que se traballa cunha perspectiva transversal e coordinada".

Respecto diso, o Concello de Santiago lembra que puxo en marcha nos últimos meses iniciativas como a elaboración do 'Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBfóbicas no lecer nocturno' ou a reactivación da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

Entre os compromisos recolleitos no documento, está o apoio de todos os grupos ás mobilizacións convocadas polo movemento feminista para o 8 de marzo, a posta a disposición de infraestruturas municipais das organizacións das mulleres, o fortalecemento dos servizos municipais de igualdade, como a Casa Xohana Torres, e dedicar un mínimo do 1 por cento do orzamento municipal ás políticas de igualdade e de prevención da violencia de xénero, así como o reforzo do persoal do centro de información á muller e a elaboración do plan de igualdade neste 2024.

DÍA MUNDIAL DAS ENFERMIDADES RARAS

O pleno municipal tamén aprobou por unanimidade unha declaración institucional con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se celebra este 29 de febreiro, co obxectivo de dar "visibilidade" a aquelas patoloxías cuxa prevalencia está por baixo do 5 por cada 10.000 habitantes.

Con esta declaración, todos os partidos políticos recoñecen o labor do tecido asociativo a favor da prevención e o tratamento das enfermidades e comprométense a apoiar as súas principais demandas, entre as que se atopan o impulso á investigación e o incremento do financiamento público en I+D+i.

Ademais, no pleno aprobouse a concesión da bonificación do 95% no IBI prevista para inmobles das corporacións de dereito público nas que se desenvolvan actividades de especial interese ou utilidade municipal. Tamén por unanimidade prosperou a iniciativa para ampliar o chan industrial de Santiago e priorizar o asentamento de industrias que xeren emprego, a proposta dos socialistas; e outra sobre a mellora e atención aos veciños na contorna da rúa Manuel Beiras, a proposta dos populares.

Como mocións, foron aprobadas unha do PP para facer melloras na parroquia de Lavacolla e outras dúas do PSdeG para impulsar o aeroporto internacional de Santiago-Rosalía de Castro e para a elaboración do plan estratéxico de recursos humanos do concello 2025-2035.

Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO / / Europa Press
Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO / / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta