Santiago acollerá a única asemblea en Galicia das 56 convocadas no Estado dentro do proceso fundacional de Sumar

Sumar contabiliza 70.000 inscritos, dos cales, 7.000 están en territorio galego.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/03/2024 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acollerá a única asemblea territorial que se celebrará en Galicia das 56 que foron convocadas por todo o Estado para preparar a asamblea fundacional de Sumar, que terá lugar o próximo 23 de marzo. O partido da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, despregou 56 asembleas territoriais para o debate sobre o seu primeiro proceso congresual e recibiu ata a data un total de 408 emendas para os seus documentos: os relatorios política organizativa e o código ético.

En Galicia, segundo fontes consultadas por Europa Press, unicamente está convocada unha asemblea. Terá lugar en Santiago, no centro sociocultural do barrio das Fontiñas, na tarde do próximo sábado 9 de marzo.

A cita celebrarase tres semanas despois das eleccións galegas nas que a candidatura encabezada pola exportavoz no Congreso, Marta Lois, quedou lonxe de obter representación ao lograr menos do 2% dos votos.

Tras uns comicios nos que se viron relegados ao quinto posto entre as forzas máis votadas, mesmo por detrás de Vox; Lois anunciou que regresa ao seu posto como docente na Universidade de Santiago, aínda que manifestou a súa intención de continuar dentro do proxecto de Sumar Galicia nun rol que decidirían "a futuro".

Ademais do proceso fundacional a nivel Estado e as eleccións europeas de xuño, Sumar Galicia quere enfocarse no seu despregamento territorial a nivel galego, onde conta con 7.000 inscritos, segundo a información achegada pola propia organización.

EMENDAS

As propostas de modificación dos seus documentos foron presentadas vía web por parte dos seus simpatizantes, que actualmente supera os 70.000 inscritos. Así, as 408 emendas contabilizadas por agora poden elevarse, dado que o prazo para expor modificacións conclúe o próximo 9 de marzo.

Do 9 ao 14 de marzo, estas emendas serán estudadas polos equipos que escribiron os relatorios, que serán os encargados de aprobalas ou rexeitalas.

Así mesmo, Sumar xa ten configurado o mapa das 56 asembleas territoriais de Sumar e tamén se pauta que o prazo de presentación das candidaturas para o Grupo Coordinador, o máximo órgano executivo entre procesos congresuais, será ata o 9 de marzo, coincidindo tamén co final do período para remitir emendas.

A líder de Sumar, Yolanda Díaz, no mitin de Ferrol no segundo día de campaña electoral, xunto a Marta Lois, Íñigo Errejón e Jorge Suárez / RAÚL LOMBA-EUROPA PRESS  / Europa Press
A líder de Sumar, Yolanda Díaz, no mitin de Ferrol no segundo día de campaña electoral, xunto a Marta Lois, Íñigo Errejón e Jorge Suárez / RAÚL LOMBA-EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta