Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2024 | Actualizada ás 15:16
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou este sábado as cifras do Camiño de Santiago durante os primeiros meses de 2024, con case 5.300 peregrinos que recolleron o seu Compostela, preto de 400 máis que no mesmo período do 2023. Así o destacou nunha visita ás obras de mellora da mariña de Vilanova de Arousa, onde puxo en valor a Ruta Traslatio como un exemplo do "potencial" que ten Galicia para "atraer, diversificar e crecer cada vez máis como destino turístico de forma sustentable" e apostou tamén por seguir impulsando este itinerario para consolidalo como un Camiño de Santiago de referencia.
"Con sentidiño imos seguir dicíndolle á xente que veña aquí, tendo en conta a sustentabilidade, a non masificación, a gastronomía e a hospitalidade", manifestou. Ademais, tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, as obras de mellora da mariña do municipio arousán están enmarcados na execución do Plan Xacobeo Next Generation, dotado con fondos europeos, para optimizar e pór en valor os bens e instalacións vinculadas ao Camiño.
Estas actuacións, baseadas na colocación dunha costa de acceso, a instalación de placas solares e térmicas, o cambio da rede de luminarias dos pantaláns e do peche da terraza, entre outras, teñen como obxectivo mellorar tanto a accesibilidade como a eficiencia enerxética e a seguridade dos usuarios destas instalacións deportivas, situadas na única ruta xacobea por mar.
En total, a Xunta destinou 1,3 millóns de euros a través desta acción para actuar en 11 infraestruturas da Ruta Traslatio do Mar de Arousa e Río Ulla --ademais de en Vilanova, tamén se están levando a cabo melloras noutros seis concellos da área de influencia da ruta como son Sanxenxo, O Grove, Boiro, Ribeira, Pobra do Caramiñal e Rianxo--, que se suman a outros 1,8 millóns de euros para os restantes 31 clubs e mariñas galegas que se van a executar durante este ano, completando así unha renovación en todo o mapa.
Outro dos obxectivos, expuxo o titular do Executivo galego en funcións, é seguir fomentando o turismo náutico na comunidade, "adaptando as instalacións náutico-deportivas para que ofrezan os mellores servizos e cubran as necesidades de viaxeiros e visitantes que se achegan a coñecer o patrimonio cultural e etnográfico vinculado á costa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.