Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2024 | Actualizada ás 14:32
O PP de Galicia pediu a dimisión do presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), tras a publicación dun artigo no que os populares consideran que recorre "ao insulto" aos galegos para "ocultar o seu constatado e reiterado descrédito profesional" e "minimizar a derrota sen paliativos" do PSOE en Galicia na cita coas urnas do pasado 18 de febreiro.
A polémica suscitouna unha reflexión que asina Tezanos no número de marzo da revista 'Temas', que dirixe, titulado 'Novas encrucilladas e tendencias electorais'. Nel, Tezanos esgrime que o feito de que no seu "gran feudo" o PP puidese perder a maioría absoluta, "como apuntaban varias enquisas, non só as do CIS, a última semana", acendeu "as alarmas" nas filas do PP.
"De aí o enorme activismo desatado durante esa semana, con gratificacións económicas extraordinarias ás mariscadoras, mensaxes enviadas ao persoal sanitario prometendo melloras salariais e organizativas, monxiñas organizando o voto dos seus asilados e internos, etc.", recolle o artigo, no que, a continuación, Tezanos incide en que "pouco importa a touro pasado tan extraordinario activismo de última hora á luz dos resultados electorais". E conclúe que os populares "gañaron de forma clara" e que os seus resultados denotan "a potencia da maquinaria electoral do PP e a súa notable combatividade".
O seu artigo xerou malestar por parte do PPdeG, verbalizado a través da secretaria xeral da formación Paula Prado. "Quen crea que unha maioría absoluta con máis de 700.000 votos e un apoio de máis do 47 % se consegue porque os galegos son parvos e déixanse enganar é que nin coñece Galicia nin lle importa", esgrimiu a dirixente, quen ironizou con que Tezanos crite nesta ocasión "o que Pedro Sánchez leva facendo en todas e cada unha das eleccións ás que se presentou".
En concreto, aludiu, "ao regueiro" de promesas electorais feitas por Sánchez "tanto nas eleccións municipais, como nas xerais e máis recentemente tamén nas autonómicas". "Mentres algúns pensan que gañar unhas eleccións consiste en vir a Galicia en Falcon a facer promesas que nunca se van a cumprir, no PPdeG traballamos cos pés na terra e todo o ano por resolver os problemas dos galegos", engadiu, antes de contrapor os resultados de ambas as estratexias.
"XA DEBERÍA DIMITIR"
Prado fixo fincapé en que o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas "xa hai tempo que debería dimitir non só pola súa escandalosa e pouco disimulada vinculación ao PSOE, senón polo equivocado das súas predicións". Neste sentido, lembrou que as enquisas do CIS durante a campaña autonómica chegaron a dar "ata 15 deputados aos socialistas galegos e na realidade isto traduciuse no peor resultado deste partido en Galicia na historia da autonomía ao obter tan só nove escanos no Parlamento".
"E o que ía ser a perda da maioría absoluta, resultou ser a primeira do presidente Alfonso Rueda", agregou, antes de subliñar que a "basta manipulación dos datos" por parte do responsable do CIS alcanzou un punto no que "os escanos que repartía nin se correspondían coa realidade". "Que Tezanos deixe de enganar e insultar aos galegos, que nós xa nos encargaremos de traballar para seguir sendo merecedores da confianza que Galicia nos deu por moito que a algúns lles pese", concluíu.
BESTEIRO NON ENTRA NA POLÉMICA
Pola súa banda, preguntado respecto diso, o que fóra candidato do PSdeG á Xunta o 18F, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que o PP gañou o pasado 18 de febreiro as eleccións e rexeitou entrar en valoracións sobre "quen votou e por que" ao PP. Tras lembrar que os cidadáns situaron ao PSOE en "outra posición", destacou que desde a súa representación, o PSdeG, defenderá unha Galicia "máis ambiciosa, orgullosa e cun papel máis protagonista en España". "Unha Galicia que sexa capaz de defender os dereitos públicos", "que aproveite as oportunidades económicas", sinalou.
"Ese é o noso compromiso para o próximos catro anos e que imos defender cada día, con independencia de quen vote a quen vote", sinalou para destacar que a mensaxe dos socialistas irá dirixido a "todo o mundo", "tamén ás persoas que mencionan, que tamén teñen que ser receptoras da mensaxe do PSOE o próximos catro anos".
TELLADO DI QUE USAR O CIS PARA A CAMPAÑA DO PSOE ROZA A "MALVERSACIÓN"
Mentres, o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, acusou ao presidente do CIS de usar o organismo público para as campañas do PSOE, o que ao seu xuízo roza a "malversación", e reprochoulle que "falta ao respecto" dos galegos ao tratar de xustificar o seu "enésimo erro" das enquisas falando de gratificaciones e de "monxiñas" levando electores aos colexios.
Para Miguel Tellado, as afirmacións de Tezanos son "unha falta de respecto a todos os galegos", e todo para "xustificar o seu enésimo erro" da enquisa do CIS. "Son escusas de mal pagador", salientou. Ao seu xuízo, Tezanos debería explicar o "mal uso de fondos públicos", xa que considera que o CIS se está utilizando como un instrumento "de campaña" do PSOE, o que apunta a un "presunto delito de malversación de fondos públicos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.