O PPdeG sobre cambiar ao director xeral da CRTVG: "Depende das ganas do resto de forzas"

Rueda di que "non lle consta" que Alfonso Sánchez Izquierdo "chegara ao final do seu periodo" como máximo dirixente dos medios públicos galegos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2024 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Alfonso Sánchez Izquierdo quizais teña que continuar como director xeral da CRTVG de forma "transitoria", como leva facendo desde hai sete anos. O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alfonso Rueda asegurou que buscar un substituto "depende das ganas reais que teñan o resto das forzas políticas, respectando sempre os resultados electorais". Unha clara alusión ao BNG, a forza maioritaria na Cámara galega.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión de control da compañía
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión de control da compañía

E é qu, tal e como publicou o Galicia Confidencial, un acordo para a renovación da Dirección Xerarl da CRTVG sería moi difícil sen a participación do BNG xa que a súa elección ten que darse por unha maioría cualificada de dous terzos da Cámara galega. De feito, o Secretariado Político da UPG, o principal partido do BNG semella descartar esa posibilidade nun documento aprobado ste pasado luns, 4 de marzo. "É preciso subliñar a escandalosa utilización partidista dunha CRTVG que se desde hai 15 anos vén funcionado ao ditado dos intereses do Partido Popular, nesta campaña superou todos os límites até ser indistinguíbel do aparello de propaganda do PP. Isto coloca como tarefa urxente a denuncia social ampla e a confrontación política directa para rescatar este medio para o servizo público", apuntaba.

Sánchez Izquierdo leva xa no cargo 15 anos, desde a chegada de Feijóo á Xunta,  e desde o 2016, co mandato prorrogado. Ademais, acaba de facer 75 anos e fontes próximas consultadas por GC apuntan á necesidade do seu relevo. Con todo, Rueda suliñou este xoves que "non lle consta" que o director xeral do ente público "chegara ao final do seu período". En todo caso, matizou, "e se asi fora xa veriamos".

O presidente galego salientou os bos datos de audiencia da TVG e da RG. "Demostran que fixo moi ben o seu traballo", indicou para defender a súa continuidade. En todo caso, tamén o PPdeG é consciente de que, chegado o caso, é necesario dun amplo acordo político na Cámara para buscar un substituto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta