Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 11:36
O número de demandas de ruptura matrimonial (nulidades, separacións e divorcios) presentadas en Galicia en 2023 foi de 5.103, practicamente as mesmas que as que se rexistraron en 2022 (5.117), cunha diminución do 0,3%.
Así se desprende dos datos publicados este venres pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, onde apuntan que, en canto ao número de solicitudes por cada 100.000 habitantes, contabilizáronse en Galicia, no período estudado, 189, fronte ás 192,1 de media estatal.
En Galicia aumentaron os divorcios consensuados (de 2.885 a 2.912, un 0,9%) e o non consensuados (de 2.039 a 2.068, un 1,4%). Pola súa banda, en relación coas separacións consensuadas, contabilizáronse 84 en 2023, fronte ás 129 do ano pasado, mentres que das non consensuadas rexistráronse 32, fronte ás 59 do 2022. Contabilizáronse tamén sete peticións de nulidade matrimonial.
En 2023 iniciáronse 689 procedementos de modificación de medidas consensuadas, fronte a 655 do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 1.695 a 1.746, un 3% máis.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos menores non matrimoniais, rexistráronse 1.302 demandas de modificación de medidas non consensuadas, fronte ás 1.161 de 2022, o que supón un aumento do 12,1 %; e 1.049 demandas de modificación de medidas consensuadas (949 o ano anterior), o que representa unha subida interanual do 10,5 %.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.