A Audiencia confirma o arquivo da denuncia por prevaricación que afectaba ao Concello de Valga

Volve desestimar un recurso e ratifica o arquivo, como no seu día fixo o Xulgado de Primeira Instancia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra ratificou a decisión tomada no seu día polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas e confirmou o arquivo dunha denuncia que un concelleiro presentara por suposta prevaricación na contratación e pago de dietas a funcionarios que exercen de secretario e interventor no Concello de Valga.

Con iso, a Audiencia desestima o recurso que o entón edil Manuel Castiñeiras presentara contra o sobresemento dunha denuncia, decretado en xaneiro de 2023. Con posteridade, no mes de maio do ano pasado, o Xulgado de Primeira Instancia xa ratificou este arquivo, que foi recorrido ante a audiencia.

Castiñeiras recorreu no seu momento o auto tras coñecerse o informe emitido polo Consello de Contas de Galicia que puña en dúbida a xustificación de dietas de cargos públicos e funcionarios de polo menos catro concellos galegos, entre eles o de Valga.

Neste municipio pontevedrés, o organismo fiscalizador sinalou que "as percepcións de dietas por desprazamento dos funcionarios con habilitación nacional ao Concello acumulado non están previstas no réxime xurídico aplicable, nin a xustificación documental achegada pode considerarse como suficiente, motivo polo que non se considera suficientemente xustificada nin a percepción das dietas, nin a xustificación destas".

Contas cifrou en máis de 19.600 e case 20.700 euros o percibido polo interventor e o secretario, respectivamente, en gastos de desprazamento e manutención entre 2017 e 2021.
Posteriormente, en abril, a Fiscalía do Tribunal de Contas español emitía un informe no que concluía que, "indiciariamente", pode existir "responsabilidade contable" nalgúns dos supostos que denunciaba o Consello Galego de Contas, polo que solicitou unha xustificación ao Concello.

Con todo, o xuíz arquivou a denuncia presentada polo concelleiro porque o informe de Contas "non ten o valor de alterar a decisión tomada" xa en xaneiro polo mesmo xulgado instrutor, nin tampouco "revela indicios" de ningunha irregularidade. A Audiencia volveu agora a rexeitar o recurso.

"NADA ILEGAL"

Nunha rolda de prensa para dar a coñecer esta sentenza, o rexedor de Valga, José María Bello Maneiro, sinalou que os autos xudiciais fan fincapé en que a cobertura de postos de secretario e interventor en réxime de acumulación "foi autorizada pola Xunta" e que o cobro de dietas denunciado "xa fora obxecto de anteriores pronunciamentos por parte dos tribunais" que "tampouco atoparon ningunha irregularidade".

Engade, ademais, que o Tribunal de Contas, "supremo órgano fiscalizador do sector público", concluíu que eses pagos "teñen cobertura legal", mentres que o Consello de Contas "é un órgano de carácter consultivo" con informes "non vinculantes". Sobre os outros asuntos que incluía a denuncia, referentes a supostas irregularidades nun contrato de reforzo administrativo e na composición dunha mesa de contratación, "o pronunciamento xudicial é o mesmo: non hai nada ilegal", apunta o consistorio.

O alcalde de Valga aplaudiu esta nova resolución xudicial, advertindo de que "as mentiras caen polo seu propio peso" e "o tempo pon a cada un no seu lugar". "A nós mantennos aquí, no goberno de Valga, e ao señor Castiñeiras púxoo fóra da Corporación. E todo pola vontade expresada polos veciños nas urnas", dixo.

O rexedor lamentou os "case seis anos de campaña de acoso e derriba" contra os funcionarios e preguntouse "onde estaban" a FEMP e a Fegamp "cando este Concello estaba a ser atacado sen ningunha base, como está a quedar demostrado nas reiteradas resolucións xudiciais". "Esperamos que os implicados nesta persecución contra o goberno municipal dean a cara algunha vez e pidan desculpas", resolveu.

Rolda de prensa no Concello de Valga.. CONCELLO DE VALGA
Rolda de prensa no Concello de Valga.. CONCELLO DE VALGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta