Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 14:38
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a declaración do Concello de Portomarín (Lugo) como Zona de Gran Afluencia Turística, unha consideración que permitirá aos seus establecementos ampliar os seus horarios de apertura en tempada alta.
En concreto, segundo a resolución publicada pola Consellería de Economía, autorizarase a apertura comercial entre as 9,00 horas e as 22,00 horas entre os meses de abril e novembro. A declaración, solicitada por unanimidade polo pleno local en xuño de 2018, obedece, entre outras cuestións, ao número de visitantes e peregrinos que recibe o municipio, punto central do Camiño de Santiago, así como á concentración de establecementos de aloxamento.
O 18 de xuño de 2018, o pleno municipal de Portomarín aprobou solicitar á Xunta a declaración do seu núcleo urbano como Zona de Gran Afluencia Turística, para os efectos de aplicación dun réxime especial de horarios entre abril e novembro.
O acordo foi remitido á Dirección Xeral de Comercio o 15 de xaneiro de 2019 e, posteriormente, enviados os documentos necesarios, entre eles informes favorables da Cámara de Comercio de Lugo, a Federación de Comercio lucense, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e a Asociación de Consumidores de Galicia, entre outros. Ademais, en novembro de 2023 solicitouse á Axencia de Turismo de Galicia un informe sobre este expediente, que foi remitido en xaneiro de 2024 con carácter favorable á declaración.
AFLUENCIA TURÍSTICA
A proposta inicial do Concello de Portomarín recolle que este municipio é "un dos puntos crave" dentro do Camiño de Santiago francés e que recibe ao ano 75.000 visitantes, "o que multiplica por 48 a poboación local".
Na mesma liña, o informe da Axencia de Turismo de Galicia apunta a existencia dunha alta concentración de aloxamentos turísticos, baseada en datos como o do REAT, segundo o cal en 2022 Portomarín tiña 65 establecementos que ofertan 1.424 prazas. "Algo máis da metade desta oferta corresponde aos albergues, tipoloxía destinada principalmente ao peregrino, con peso tamén importante do segmento hoteleiro", recolle o informe.
Ademais, as vivendas turísticas censadas supoñen o 3,75% do total de vivendas de Portomarín, unha cifra que "supera a media dos concellos da contorna e tamén é a máis alta de todos os concellos localizados no Camiño Francés".
En canto ao patrimonio, Turismo recolle que no concello hai dous elementos declarados BIC como monumento e conxunto histórico, como son a Igrexa de San Nicolás e o Conxunto Alagado de Portomarín. Ademais, pertence ao Camiño Francés, que tamén goza de protección, e ao Ben de Interese Cultural e Paisaxe Cultural Ribeira Sacra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.