Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2024 | Actualizada ás 18:15
Os galiñeiros de autoconsumo rexistrados en Galicia superan os 52.000, segundo os datos ofrecidos pola Consellería do Medio Rural este mércores.
Aínda que este tipo de explotacións non poden comercializar carne, ovos nin outro tipo de produtos, os donos deben formalizar o rexistro tras un decreto estatal. Poden facelo facelo nas oficinas da Xunta de Galicia ou telematicamente (mediante o modelo MR501A).
En declaracións previas a participar de forma telemática no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, o conselleiro do Medio Rural, José González, queixouse de que "non teñen sentido" esta normativa, pois son "trabas burocráticas" que "o único que fan é quitarlle as ganas á xente de ter neste caso os galiñeiros de autoconsumo".
"Estamos a matar moscas con escopeta", reproba o conselleiro que ve "desproporcionada" esta medida. "E se hai algún problema de gripe aviaria, que imos facer con esa información?", pregúntase. Nesta liña, empraza ao Ministerio de Agricultura a demandar na UE unha "flexibilización" da normativa europea agraria.
Así, esixe que a nova Política Agraria Común (PAC) teña en conta as "características de cada territorio", pois non se atende a cuestións de Galicia relativas a minifundismo, irregularidade de terreos, pluvimetría ou tamaño de explotacións.
No entanto, sostén que é "moi sinxelo" rexistrar os galiñeiros "grazas ao traballo da Xunta". Remarca que os existentes na comunidade son tantos como no resto de España. Ademais, González fai un chamamento a "tranquilizar á xente" para que sigan comprando esas aves para criar, xa que se ofrecen "máximas facilidades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.