Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/03/2024 | Actualizada ás 15:18
"Eu, que penso no ben xeral de Galicia, se me deixara guiar pola demagoxia, pois non tería gañado as eleccións co apoio que tiven. No PP somos coherentes e se explicamos as cousas con argumentos e se poden facer, pois fanse. Se non se poden facer, non se fan". Con esta contundencia respondía este xoves o presidente da Xunta ao "cambio de postura" do BNG sobre a instalación da papeleira Altri en Galicia.
Alfonso Rueda aproveitou unha pregunta de La Voz de Galicia sobre o cambio de opinión do BNG e PSdeG sobre esta industria para acusar de "demagoxia" a estes dous partidos pero, especialmente, ao BNG. "É certo. Non mencionei isto antes pero eles botaron a favor no parlamento e agora hai un cambio de postura, sobre todo o nacionalismo, que supoño que por interese electoral lles convén", respondeu.
Referiase ao silencio que o Bloque mantivo sobre esta cuestión en campaña electoral lembrando que en febreiro de 2022 o Parlamento galego aprobou por unanimidade, cos votos a favor de PPdeG, BNG e PSdeG, unha iniciativa dos populares para apoiar que a fábrica de fibras téxtiles que promoverá a compañía portuguesa Altri, se instalase "preferentemente" na provincia de Lugo.
Unha postura que choca coas duras críticas lanzadas este mesmo xoves polo BNG contra este proxecto industrial que o ve como “unha bomba ambiental no corazón de Galicia”. Así o manifestou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, que denunciou a “gran mentira” que, din, se esconde tras o proxecto para crear unha fábrica de produción de fibras téxtiles.
O FUTURO DESTA EMPRESA
Rueda volveu a insistir na que Galicia conte con proxectos industrias desta magnitude baixo o argumento de que, se non o fan aquí, marcharán a outros sitios. Por iso, insistiu en que "non se pode deixar pasar esta oportunidade" a pesar do grande impacto que terá no territorio.
Segundo distintos colectivos e entidades medioambientais o proxecto de Altri en Palas de Rei necesitará 1,2 toneladas de eucalipto ao ano e suporá a captación “de 46.000 metros cúbicos de auga ao día”, o que equivale a máis do consumo diario de “toda a poboación” da provincia de Lugo. Ademais “o 80 %” dos restos de auga derivados do funcionamento da factoría serán verteduras ao río Ulla, que desemboca na ría de Arousa.
"Obviamente non se vai facer nada que non cumpra escrupulosamente coas normativas ecolóxicas e medioambientais", sinalou Rueda quen, a o mesmo tempo, destacou que se se respectan estes condicionantes a fábrica sairá adiante.
Por iso volveu criticar a ecoloxistas e formacións como o BNG porque "non lles gusta ningún proxecto industrial en Galicia" e "sempre din non a todo"."Pero a miña responsabilidade é que isto se faga, garantindo todos os controis necesarios, para que Galicia non perda oportunidades que poden ir a outros territorios".
EXPROPIACIÓNS
E como se vai facer isto?. O presidente da Xunta aínda non ten moi claro como será o implantación desta mega industria no corazón de Galicia. Por iso, preguntado sobre as manifestacións da veciñanza de que non recibiron ningunha notificación, Rueda aclarou que o procedemento "acaba de comezar" e hai reaccións porque se van coñecendo os detalles do proxecto. "Non sei como será a compra de terreos e se hai vontade de venda por parte dos propietarios", manifestou pero aclarou que, en todo caso, se non hai acordo "irase a outros procedementos", é dicir, á expropiación.
"Imos agardar a ver que pasa, pero non será a primeira vez que recurramos a outros procedemetos, aínda que o normal son procedementos voluntarios", insistiu. "O que non me gusta son reaccións en contra sen coñecer os detalles aínda do proxecto porque recibir sempre un non, non é de recibo", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.