Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2024 | Actualizada ás 19:23
O Colexio de Avogados de Pontevedra acordou o alta obrigatoria na quenda de garda a todos os avogados exercentes con máis de tres anos de experiencia nos partidos xudiciais de Lalín e A Estrada nos servizos de asistencia a detidos e violencia de xénero.
A decisión foi acordada na reunión da xunta de goberno do colexio celebrada este xoves e responde, segundo explica a entidade nun comunicado, ás "baixas masivas" producidas no contexto de reivindicacións que manteñen desde hai meses os letrados de oficio.
O acordo "excepcional e extraordinario" afecta os avogados con máis de tres anos de experiencia dos partidos de Lalín e A Estrada. No caso da quenda especial de violencia de xénero aplícase aos letrados que cumpran "as condicións de especialización e formación esixidas".
O colexio explica que a medida responde á necesidade de "garantir os servizos obrigatorios de asistencia letrada e defensa gratuíta nos termos previstos nas leis".
En todo caso, expresa o seu apoio ao dereito a folga dos letrados e apela a Xunta e Goberno central, como administracións con competencias na materia, a buscar unha solución ao conflito que sirva para que os letrados poidan percibir "unhas pensións dignas".
Neste sentido, cualifica de "insuficiente" a "pasarela" ao RETA nos termos que contempla a proposta do Miniterio de Seguridade Social "que limita" o acceso aos colexiados anteriores a 1996 que estean en "situación de vulnerabilidade".
Así, incide en que "debe estenderse a todos os colexiados e colexiadas que así o soliciten con independencia do seu ano de colexiación e de que estean ou non en situación de vulnerabilidade actual, a cal podería aparecer en calquera momento".
Por último, o Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra manifesta que prestará apoio económico aos colexiados que asistan á manifestación convocada o próximo 13 de abril en Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.