Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2024 | Actualizada ás 14:19
A Consellería de Sanidade destacou a tendencia descendente da tuberculose en Galicia desde a implantación do Programa galego de prevención e control da tuberculose. En concreto, sinalou que respecto ao ano 1996 o número total de casos de tuberculose na comunidade galega descendeu no 2022 un 84,3% -- pasouse de 1.936 a 308 casos--.
Así o trasladou nunha nota de prensa no marco do Día Mundial da Tuberculose na que tamén explicou que a maior parte dos casos se diagnosticaron en pacientes autóctonos, con presentacións en idades cada vez máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo aquelas que afectan o sistema inmune.
Así mesmo, subliñou que a baixa porcentaxe de tuberculose multirresistente e o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados, tanto na tuberculose sensible como na tuberculose resistente, ao que contribúe que máis do 65% dos casos tivesen un tratamento en réxime supervisado, "indica un bo control da tuberculose en Galicia".
Con todo, aínda que os indicadores do funcionamento do Programa galego sexan favorables, a Consellería de Sanidade lembrou que non se pode baixar a garda, polo que se debe manter a tuberculose como liña crave en saúde pública e potenciar as unidades de prevención e control desta enfermidade, reforzándoas no seu papel de referencia para o diagnóstico, seguimento e tratamento de todos os casos de enfermidade e infección tuberculosa, especialmente nos colectivos de especial vulnerabilidade de infectarse e/ou enfermar, para así cortar a cadea epidemiolóxica de transmisión.
DATOS 2022
O departamento autonómico tamén trasladou outros datos desta enfermidade en Galicia no ano 2022, entre os que destaca que o 58,1% dos casos se presentaron en homes.
Por grupo de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos. O 2,9% foron nenos (menores de 15 anos de idade). En conxunto, no 76,3% dos casos (homes 81,6% e mulleres 69%) presentáronse un ou máis factores de risco asociados. O principal foi o tabaquismo (27,9%). A localización máis frecuente foi a pulmonar (62%) e deles o 39,3% foron casos bacilíferos (moi contaxiosos).
No marco do programa, no 2022, estudáronse 990 contactos de enfermos de tuberculose pulmonar, dos que 18 (1,8%) estaban enfermos e 241 (24,3%) infectados no momento do estudo. Presentáronse 10 brotes de tuberculoses en Galicia e deles o 60% foron detectados no ámbito familiar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.