O Supremo recoñece ao persoal temporal do Sergas as vacacións non gozadas como servizos prestados

A Administración galega deberá telo en conta para listas, oposicións, trienios ou carreira profesional.

Por Europa Press / Redacción | | 27/03/2024 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo recoñeceu ao persoal temporal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) o dereito a que as vacacións non gozadas nos seus contratos computen como tempo de servizos prestados á administración a efectos de listas, oposicións ou carreira profesional.
A decisión xa é firme ao ser rexeitado o recurso de casación interposto polo Goberno galego ante o Alto Tribunal, que ratifica así o fallo do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra en marzo de 2021.

A sentenza, facilitada pola CIG e consultada por Europa Press, determina, na liña de sentenzas anteriores sobre traballadores públicos con vínculo temporal, que estes non poden ser tratados desde a administración dunha forma "menos favorable" que aos empregados fixos. O Supremo indica que así o establece a cláusula 4 do Acordo Marco sobre traballo de duración determinada, que recolle que, a non ser que existan "razóns obxectivas" que o xustifiquen, os temporais deben gozar das mesmas condicións que aqueles que teñen praza fixa.

Así, o TS subliña na súa sentenza que "a única razón dada" polo Sergas para oporse á reclamación de temporais "é que a iso se opoñen as normas nacionais españolas", un argumento que non considera "convincente". "Trátase dunha razón formal, que nada di sobre posibles diferenzas substanciais relevantes entre unha relación fixa e outra temporal. Ademais, como é sabido, se se dese unha colisión entre a norma nacional e a norma da Unión Europea, esta tería prioridade", engade o Supremo. Ademais, tamén rexeita a pretensión do Sergas sobre o cómputo das vacacións nos trienios como un dobre lapso temporal, é dicir, como vacacións e como traballo realizado.

Para o TS, esta contabilización "non signfica que o tempo de vacacións non se deba ter en conta a efectos dos servizos prestados". "Resulta discriminatorio para o persoal temporal en relación co persoal fixo que non se compute o tempo de vacacións compensadas economicamente como tempo de servizos prestados", conclúe o Tribunal.

Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta