Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2024 | Actualizada ás 17:36
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou este mércores ao equipo de 'Hoxe e ou resto do mundo' nunha das súas xornadas de rodaxe no Museo de Belas Artes da Coruña, unha das localizacións seleccionadas por Matriuska Producións para rodar o documental sobre a historia de Sargadelos.
Segundo explican nun comunicado, a Xunta contribúe á súa produción cunha achega de máis de 77.000 euros a través do programa autonómico de axudas ao audiovisual galego.
O responsable de Industrias Culturais estivo acompañado pola directora do Museo de Belas Artes, Anxos Pena, coa que coñeceu os avances do proxecto da man do produtor executivo, Daniel Froiz; e Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo, do equipo de dirección.
O equipo, "eminentemente galego e cun moi alta porcentaxe feminina", roda en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que reconstrúe o nacemento e a evolución da fábrica de cerámica, á que denominaron como a 'Bauhaus galega' polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións.
Ademais, conta tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dous escenarios polos que discorrerá son Cervo, onde arrinca a historia a primeiros do século XIX, Sada e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina. O documental achegarase en primeiro lugar á figura do Marqués de Sargadelos para explicar como foi capaz de pór en pé unha industria pioneira na Mariña lucense.
O percorrido continuará no século XX coa creación de Cerámicas do Castro en Sada (A Coruña) e co periplo vital de Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro 'Mimima', en especial durante a etapa arxentina que deu como froito a alianza artística e intelectual con Luís Seoane e a recuperación de Sargadelos. Xa no século XXI, abordarase a quinta etapa da factoría e os desafíos para o relanzamento da marca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.