"Altri é unha estafa e un tiro de graza para a Ría de Arousa", di o BNG

Destaca que esta ría está "en continua caída produtiva".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2024 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Rosana Pérez advertiu de que a instalación de Altri en Palas de Rei pode supor "o tiro de graza" para a Ría de Arousa, "en continua caída produtiva". Tal e como apuntan nun comunicado, verase afectada por un proxecto que a Xunta "comprometeu como ua factoría de fibras téxtiles pero que, segundo a propia empresa, é en realidade unha macrocelulosa".

Adiantan tamén que o BNG lle esixirá ao Executivo autonómico "todas as explicacións do que pode significar esta macrocelulosa para o río Ulla e para a Ría de Arousa". Lembran que, tal e como apuntou a empresa no seu proxecto, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e só 60.000 de fibras téxtiles (lyocell) nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 e 200.000 toneladas, respectivamente, coa factoría a pleno rendemento.

"O proxecto supón tamén unha agresión directa aos recursos hídricos, coa captación de 16 millóns de metros cúbicos ao ano (46.000 diarios), e un enorme impacto ambiental e socioeconómico, coa vertedura ao río Ulla de aproximadamente a 80% da auga tras sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, o que danaría a un río que xa ten uns elevados índices de contaminación e que desemboca nunha Ría de Arousa que leva anos vendo caer a súa produtividade", detallan.

"Unha nova estafa que pode supor o tiro de graza para unha ría que xa está nun proceso de continua caída produtiva e de perda de postos de traballo na pesca, no sector do mexillón e no marisqueo", resumiu Pérez, que lembrou que só no últimos tres anos a ría de Arousa perdeu 200 mariscadores, o 7% dos que había en 2020.

A este respecto, a deputada apuntou que o BNG proporá no Parlamento un plan "verdadeiramente sustentable" que contemple tanto a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade do Ulla, como a rexeneración e reactivación da produtividade e a recuperación do emprego na ría de Arousa.

Ría da Arousa con distintos illas e illotes
Ría da Arousa con distintos illas e illotes | Fonte: grancalili

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta