O unionismo do PP, PSC e C´s obtivo un 39,4% dos votos, salientando o extraordinario suceso da formación de Albert Rivera, que sobe de 9 a 25 escanos, cun 18% de voto, acadando a segunda posición. Miquel Iceta safou perdendo só 4 escanos (tiña 20 e terá 16), cun discreto 13% de votos que serve de consolo ao que foi gañador en Catalunya nas xerais do 2004 e do 2008. Mais o PP foi o grande derrotado da noite, con 11 escanos (tiña 19) e menos do 8,5% dos votos, partillando resultados relativos coas CUP e con Catalunya si que es Pot, que obtivo os mesmos 11 escanos ca o PP.
A outra suposta terceira vía, a coalición de Podemos Cat, Iniciativa per Catalunya- els Verds (ICV) e a filial catalá de IU foi a segunda grande derrotada,ao baixar dous escanos a respecto dos 11 acadados por ICV e EU no 2012. Acada pouco menos dun 9%, o que constitúe un indubidábel fracaso para Pablo Iglesias, que mesmo enfeblece a posición de Podemos no escenario preelectoral galego. Porén, estes votos non haberían contar nin a prol nin en contra da independencia, ao se definir a coalición a prol do dereito a decidir, mais en contra dunha declaración unilateral de independencia.
Velaí que o independentismo gañe tamén en votos (47,8%), fronte ao 39.4% do unionismo e o 11,4% (Unió e Catalunya si que es Pot) que aposta polo dereito a decidir e por unha conformación plurinacional do Estado.
As cousas han mudar e moito. En Catalunya e no resto do Estado.