Manuel Planas, Federación Boxeo: "O grande éxito para nós é presentar o boxeo como un deporte para todos"

Manuel Planas é presidente da Federación Galega de Boxeo e para el o grande reto que superou esta disciplina foi demostrar que pode ser un deporte para practicar como ocio o mesmo que outros. Con 7.000 licenzas, 74 clubes federados e o número de practicantes en aumento, Planas considera que o boxeo é o deporte máis practicado en Galicia a día de hoxe.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-En comparación con outras CCAA, como cualificaría o nivel do boxeo galego?

Manuel Planas, presidente Federación Galega de Boxeo
Manuel Planas, presidente Federación Galega de Boxeo

Galicia está moi ben. Se miramos o ano pasados somos a comunidade con maior número de licencias de toda España, acabamos con case sete mil. Isto quere dicir que estamos a un nivel de clubs e de prácticas moi alto. Deportivamente podemos dicir que o nivel é moi bo mais existen outras CCAA cun niveis máis elevados. O ano pasado acabamos con setenta e nove eventos en Galicia, é dicir, cada fin de semana hai entre dous ou tres eventos, tamén existen eventos dirixidos a rapaces, hai moitas licenzas de nenos menores de 18 anos. No XOGADE estivemos cerca das 2.400 licenzas. Podemos dicir que Galicia é unha comunidade forte.

-Que cualidades debera reunir un neno ou unha nena antes de practicar este deporte antes de federarse?
Se hai algo do que me sinto orgulloso cando entrei na Federación Galega de Boxeo foi diferenciar o boxeo de competición co que é a práctica do boxeo. O boxeo de competición é moi esixente, moi duro e onde se debe ir con coidado. Os deportistas que compiten en boxeo pasan moitas probas, non só para manter a licenza senón cada vez que van competir. Logo está o ocio do boxeo, para isto non fai falta nada, só ganas de adestrar. Temos persoas de diversas idades, con difersidade funcional e por outra parte, estamos diante dun deporte moi completo e moi pouco lesivo como deporte. Estou seguro que se se pedise unha estatística ao Plan Xogade da Xunta sobre accidentes en prácticas de deporte poderiamos ver que o número de accidentes en boxeo é case residual. Por que? Porque quen practica non vai cara a competición, ao revés. Ademais, tamén organizamos competicións dirixidas a nenos e persoas con algún tipo de diversidade funcional e tamén van veteranos. Nesas competicións non hai contacto, hai habilidade, onde a xente vai pasalo ben, onde saltan a corda ou pegan a un saco. Entran dentro da arte do boxeo, compiten dalgunha maneira mais en ningún momento se mancan. Creo que isto é o grande éxito da nosa Federación, presentarmos o boxeo como deporte. En Galicia o ano pasado había 74 clubs federados, sen federar había moitísimos máis, aí temos as franquicias que hai por toda Galicia. Se conseguimos atraer xente para federarse é porque tamén lles demos moitas oportunidades porque nós valoramos a competición e tamén a parte formativa, a parte de coñecemento do boxeo e o boxeo como un deporte de saúde. Un dato, despois da pandemia houbo moita xente que estaba atacada polo estrés e que os mandaban a boxeo, é moi importante mostrar o boxeo como un deporte.

-Como se desenvolve o boxeo profesional?
Normalmente para pasar a profesionais son rapaces cun mínimo de 40 ou 50 pelexas no campo amateur. Logo teñen máis inquietudes e pasan a ser profesionais, estiveron en campeonatos ou na selección e mesmo chegaron a ser medallistas. Sobre o boxeo profesional é un deporte moi duro, complicado e ademais, creceu moitísimo. Hoxe no mundo na categoría de 65 quilos hai 3.000 profesionais, só chegan arriba os dez primeiros, por iso digo que é complicado. Segundo unha enquisa de ESPN, unha cadea sobre deportes, di que o boxeo é o segundo deporte con maior número de seguidores despois do fútbol e tamén é o deporte con maior implantación no mundo.

-Que campeonatos existen en Galicia?
Os campeonatos oficiais que son os Campeonatos Galegos e logo existen probas puntuables que se chaman “veladas”, cada fin de semana hai unha. Estas veladas son denominadas “de control” porque os boxeadores miden se o seu rendemento sobe ou está parado. Logo, cos campeonatos de Galicia escóllese quen formará parte da selección que representará a Galicia nos campeonatos de España. É moi difícil nos deportes individuais, incluídos os de combate, facer unha liga. Tentouse moitas veces, mais ao final é complicado.

-Cales son as categorías que entran a competir?
Hoxe en día debemos ter en conta que a preparación física é moi importante. Hai décadas podías ver persoas de 80 kg loitando con persoas de 90 kg. Hoxe en día hai persoas de dous metros e ao mellor pesan 120 kg secos, se o metes contra unha persoa de 80 kg é algo que non pode ser. Que se fixo durante este tempo? Disminuír os pesos para evitar no máximo a presenza de accidentes. A clasificación que temos é peso palla, 47 kg, peso mosca 50 kg, supermosca 52 kg, e logo temos o galo, supergalo, pluma, superpluma, lixeiro, superlixeiro e a diferenza entre eles é de dous ou tres quilos. Antiguamente, nas categorías por debaixo de peso lixeiro apenas había KO. Hoxe por hoxe vemos persoas que nesas categorías poden gañar por KO, por que? Pois porque hai preparadores físicos, suplementación e basicamente todo mellorou. Podes dicir “son 2 kg de diferenza nada máis”. A pesaxe faise 48 horas antes do combate para ver que teñen o peso da súa categoría, mais ti sabes que en 48 horas unha persoa pode engordar case 5 kg?

-Cales son as vantaxes para os menores aprender unha disciplina como é o boxeo?
Confianza, disciplina, sacrificio ou coordinación. O boxeo é un deporte moi completo e eu coñezo nenos que tiñan algunha problemática como é o bulling e falta de autoestima, o boxeo axúdalles a madurar e ter confianza. O problema non está no deporte, senón na persoa que imparte ese deporte, o que quero dicir que o fai ben ou o fai mal.

-Recomenda federarse a todas as persoas que o practican por ocio?
Federarse significa entrar dentro da familia do boxeo e á parte, tes un seguro, tes capacidade para formarte, de ir a concentracións ou eventos deportivos. Tes moitas posibilidades. Eu sempre recomendo federarse, así podes demostrar que practicas ese deporte e aportas algo ao mesmo: que che gusta e que o amas. A min gustaría que todos e todas se federaran porque veriamos que é o deporte máis practicado en Galicia agora mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta