Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 14:50
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu este mércores ao equipo de estudantes que vai representar a Galicia no certame 'Spainskills 2024', e animounos a demostrar "todo o potencial" da FP galega. O equipo que participará nestas olimpíadas nacionais de formación profesional está formado por un cento de persoas, entre alumnos e docentes. O certame terá lugar do 9 ao 13 de abril no IFEMA de Madrid.
En total haberá 38 alumnos de 23 centros de Galicia e compítese por parellas en catro modalidades: Xardinaría Paisaxística, Sistemas Robóticos Integrados, Mecatrónica e Robótica Colaborativa. Galicia participa en 34 modalidades de 'skills', das que 29 son competicións oficiais e clasificables para os campionatos internacionais.
Nas modalidades oficiais participan estudantes de centros da Coruña, Cee, Ortigueira, Vigo, Pontevedra, Lugo, Santiago de Compostela, Ferrol, Melide, Lugo, Ponteareas, Culleredo, Ponteceso, Vila de Cruces, e Betanzos. Tamén hai representación galega en demostracións de Cloud Computing, Enerxías Renovables, Farmacia e Parafarmacia, Robótica Colaborativa e Tecnoloxía de Vehículos Pesados. Os estudantes que gañen a medalla de ouro en 'Spainskills 2024' formarán parte da delegación española que participará nos próximos campionatos internacionais de FP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.