Inician as obras da senda entre Milladoiro e a intermodal de Santiago

Conta cun prazo de execución de 18 meses arrinca coa tarefa de roza e limpeza no termo municipal de Ames.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

A Xunta iniciou as obras da nova senda entre Milladoiro, en Ames, e a estación intermodal de Santiago de Compostela, cun investimento de preto de 7,5 millóns. Diso informou a Xunta nun comunicado, no que detalla que a intervención, que conta cun prazo de execución de 18 meses, prevé a execución dun itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude. Os traballos están a comezar coas tarefas de roza e limpeza no termo municipal de Ames.

A nova senda comeza no núcleo do Milladoiro, no aparcadoiro de Campo do Medio e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixo Milladoiro-Santiago, que discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de ADIF e conectando coa rúa Virxe do Rial.

A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entrará no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento e continuará polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.

Estes traballos, tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública, reduciron ata a metade a superficie que se necesitaba expropiar na contorna do lugar do Reiro. Ademais, elimináronse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para crúceo as pontellas existentes.

No contorno do Antigo Mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible; mentres que no paso por baixo da estrada de Deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.

Atendendo ás suxestións presentadas, eliminouse tamén a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.

Esta nova intervención forma parte da creación do itinerario que conectará Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 quilómetro que suporán un investimento de case 12 millóns. A Xunta executa xa as obras do treito entre a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, cun investimento de preto de 2,4 millóns, iniciadas o pasado día 27 de febreiro.

Os novos itinerarios impulsan un percorrido exclusivo de novo trazado para peóns e ciclistas, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, e completaranse cun terceiro de conexión do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Estas actuacións son impulsadas ao amparo do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

Imaxe da intermodal de Santiago de Compotela. MINISTERIO DE TRANSPORTES
Imaxe da intermodal de Santiago de Compotela. MINISTERIO DE TRANSPORTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta