Especies invasoras: o río Ulla, onde 6 de cada 10 quilómetros están colonizados pola orella de gato

A asociación medioambiental Amabul leva dez anos organizando labores de retirada desta planta que onde prolifera remata cos narcisos e os freixos. "A situación agora mesmo no Ulla está bastante mal", asegura o seu presidente, Rubén Villasenín.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 07/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A expansión da orella de gato (Tradescantia fluminensis) polas ribeiras galegas é algo xa constatado nos últimos anos. A capacidade de crecemento desta especie invasora que se reproduce por rizomas, sen producir sementes na nosa terra, é tal que está chegando a ser un verdadeiro problema en ríos como o Ulla, onde unha asociación medioambiental loita contra ela dende fai máis de 10 anos, tratando de arrincar o máximo número de plantas posible coas súas propias mans, facendo quedadas periódicas para ir limpando as marxes, colonizadas ao 60 % por esta especie. E con colonizar estámonos referindo a que onde hai orella de gato, non hai outra cousa, pois remata por eliminar da zona os freixos (Fraxinus excelsior) e os narcisos autóctonos (Narcissus Cyclamineus). Dende o Galicia Confidencial falamos con Rubén Villasenín, presidente de Amabul, que nos conta como está nestes momentos a situación.

Río Ulla
Río Ulla | Fonte: Arquivo

"A situación agora mesmo no Ulla está bastante mal", asegura Villasenín. En concreto, explícanos que Amabul ten apadriñada prioritariamente unha zona do tramo medio do río Ulla e, nestes momentos, están traballando no concello de Vedra. Son uns 15 quilómetros de río sobre os que están a realizar labores e, como indica, "a orella de gato invade aproximadamente o 60 % da ribeira". A súa proliferación foi tal que neste lugar apunta que "nas partes onde menos Trascendentia fluminensis hai temos unha ocupación da zona de servidume (franxa situada lindante co cauce do río), é dicir, de 5 metros terra adentro, que parten dende a propia masa de auga"; mentres que "nas partes onde máis temos xa está invadindo propiedades privadas, acadando un ancho duns 40 ou 50 metros". 

A asociación observou a rápida expansión da planta dende hai 10 anos e puido ver como de brotes moi pequeniños saían ducias de plantas nun período curto de tempo. Villasenín comenta que "nos concellos de Vedra e A Estrada había pequenos brotes que se eliminaban anualmente con actuacións de limpeza moi sinxelas", polo que non entende como diso puido derivarse no que hai na actualidade. Pero dende Amabul teñen as súas sospeitas, e a súa hipótese é que a planta expandiuse de xeito descontrolado despois de prácticas de roza dos roteiros de sendeirismo destes municipios, aínda que "tampouco podemos botar lume contra ningunha institución sen sabelo ao 100 %". E é que non debemos esquecer, como xa vimos na anterior entrega desta reportaxe sobre a orella de gato, que se trata dunha especie que se reproduce en Galicia por rizomas, polo que, como apunta Villasenín, "cun centímetro de planta podes xerar un individuo novo facilmente".

Sexa polo que sexa, o certo é que nos últimos anos a planta foise expandindo río abaixo, cara o concello de Padrón, onde se atopa a desembocadura do Ulla. De feito, o presidente da asociación medioambiental asegura que "tamén temos máis ou menos controlada esa zona e observamos que hai unha porcentaxe de ocupación da orella de gato nela tamén por enriba do 60 %". Tal e como están as cousas na actualidade, tendo en conta que "ti cortas unha planta de Tradescantia fluminensis e crece outra polos rizomas que queden" e que "agora xa tes que cortalas tamén na masa de auga, non só na terra", Villasenín asegura que "o caldo de cultivo para a súa proliferación está servido". De feito, e segundo a súa experiencia, cóntanos que "as plantas invasoras adoitan ter maior potencia segundo se vai indo río abaixo".

E unha vez coñecido o nivel de afectación da orella de gato no río Ulla, é o momento de saber se realmente esta perxudicou ás especies autóctonas da zona. Sobre isto Villasenín non ten ningunha dúbida: "Vese claramente que si, foi por iso que nos puxemos no seu momento mans á obra para tratar de eliminala". Tendo en conta que a zona Ulla-Deza forma parte da Rede Natura 2000, é unha área de conservación da biodiversidade, polo que a preservación das súas especies autóctonas debería ser algo primordial. Lonxe diso, a Tradescantia fluminensis ten especial afectación sobre dúas especies: o narciso autóctono (Narcissus Cyclamineus) e o freixo (Fraxinus excelsior).

Orella de gato
Orella de gato | Fonte: Arquivo

En concreto, o narciso é endémico do noroeste peninsular e segundo un estudo realizado entre os anos 2020 e 2023 por Amabul, as súas poboacións foron reducíndose no Ulla dende que a orella de gato proliferou. Para Villasenín isto non foi unha sorpresa, xa que, como explica, "esta planta é un bulbo que precisa do sol e a Tradescantia fluminensis fai alfombras monoespecíficas dela mesma que non permiten que chegue o sol ao solo, polo que todo o banco de sementes e bulbos autóctonos non se pode reproducir". Pola súa banda, o freixo non pode crecer cara arriba, pois "tampouco pode recibir as condicións de insolación que precisa". "Dende que no 2020 empezamos con programas estables de acción ambiental levamos traballado aproximadamente nunha superficie de 2.500 metros cadrados e retiramos aproximadamente preto de 20 toneladas da planta", asegura o presidente desta asociación.

Recoller semellante cantidade de plantas é moi meritorio tendo en conta que o proceso de retirada da orella de gato lévase a cabo de xeito "totalmente manual", porque "non hai outro xeito", pois "aínda que hai estudos que falan da posibilidade de facer sombreo, facelo ao carón dunha masa de auga con tanta vexetación é completamente imposible". Nesas retiradas manuais, efectivamente, como di Villasenín, "puidemos constatar que as poboacións de especies nativas nas zonas onde prolifera esta planta invasora estanse reducindo, xa que o seu espazo vese ocupado". Pero pide non cesar na loita, pois non todo está perdido: "Este ano sorprendeunos que nas zonas nas que actuamos volveron saír os narcisos". A idea de Amabul é moi sinxela: botarlle unha man á natureza, pois ao final foron os seres humanos os que introduciron a planta aquí e tamén son os que deberían sacala.

Orella de gato
Orella de gato | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta