Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2024 | Actualizada ás 18:00
Persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo concentrouse este xoves ás portas do centro sanitario compostelán para reclamar "seguridade" nos seus postos de traballo.
Concretamente, denunciaban a ausencia de Plans Funcionais que definan as necesidades das diferentes unidades e as consecuencias que isto ten para as traballadoras, "sen que a xerencia aplique medidas apropiadas e prioritarias".
Na mobilización, baixo a lema 'Pola seguridade nos nosos postos de traballo', a representante da CIG-Saúde, Irene Tato, detallou que estes plans son "os que definen as diferentes unidades, os recursos materiais e humanos necesarios, tendo en conta todas as categorías profesionais e establecen cocientes seguros de paciente/persoal segundo a tipoloxía de coidados, coa definición de funcións e tarefas a desenvolver, xunto cun plan de formación específico".
"A pesar do comezo da elaboración dun Plan de Calidade propio no Hospital Psiquiátrico atopámonos nunha situación de parálise do mesmo, sen que transcenda a consecución de reunións para a súa continuidade de elaboración", denunciou Tato.
A representante da CIG afeou que a Xerencia está "a eludir a súa responsabilidade para manter unha asistencia sanitaria segura e de calidade, sen tomar as medidas propostas nos requirimentos da Inspección de Traballo no relativo á adopción de medidas médicas e organizativas".
"Claro exemplo disto é que tras o acordo de redución de xornada laboral do mes de abril do ano pasado, coa redución de 70 horas de xornada neste 2024, á hora da súa aplicación por parte da Dirección, supón unha perda de profesionais en diferentes quendas de traballo, existindo negativas de reforzo nas unidades tras petición dos profesionais e mantendo mobilizacións de persoal dunhas unidades a outras", apuntou.
Nun comunicado, o sindicato defende que isto dificulta a actividade esencial dos traballadores que leva a un aumento no número de episodios de violencia laboral, sen que existan equipos de intervención en crise e inutilizando o Plan Galego de Saúde mental no seu obxectivo de avanzar cara á contención cero.
"Cada día chove máis dentro das unidades que fóra, as paredes seguen desconchadas, os comedores presentan buracos nos teitos e paredes, con desprendementos de cascotes en diferentes zonas do hospital, sen haber un protocolo de orde e limpeza para as zonas interiores con xardín que presentan obxectos que ocasionan riesogs... e a pesar do anuncio de obras como na Unidade de Saúde Mental seguimos sen coñecer a dita planificación", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.