Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 03/02/2025 | Actualizada ás 16:35
A directiva do Clúster da Pizarra de Galicia, encabezada polo seu presidente, Víctor Cobo Arias, vén de manter unha reunión de traballo co presidente provincial, Luis Menor. A situación actual do sector da lousa así como as posibilidades de apoio institucional para poñer en valor esta industria foron os temas principais que se trataron.
Os representantes co Clúster, subliñaron que esta actividade mantén na actualidade unha forte repercusión na provincia, e en concreto na comarca de Valdeorras, xerando 2.000 empregos directos e unha media de catro indirectos por cada emprego directo.
Así, na liña da importancia social e económica deste sector, o presidente provincial comprometeuse a que a Deputación continuará coa colaboración que xa está consolidada co clúster, “onde ademais de axudar nos gastos de funcionamento e de xestión, tamén colaboraremos na promoción deste sector”, explicou Menor. No transcurso do encontro o máximo mandatario da institución falou da posibilidade de crear un “Día da Lousa” para darlle “un pulo que constituirá un factor de promoción novidoso en moitos eidos”.
Menor recalcou que o compromiso da Deputación é firme con este sector estratéxico da economía provincial, e avanzou que haberá novos acordos de colaboración que serán anunciados en vindeiras datas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.