Galicia quere volve este ano aos límites da débeda de 2011, cun 14,5% do PIB

Destaca qie reduciu a súa débeda en 233 millóns de euros durante 2024

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2025 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este luns que Galicia reduciu a súa débeda en 233 millóns de euros durante o ano 2024 e destacou que prevé pechar o 2025 cun cociente débeda/PIB do 14,5%, "o que a sitúa preto dos niveis do ano 2011".

Na súa comparecencia tras a reunión semanal do seu Goberno, Rueda sinalou que son datos extraídos do informe sobre a execución do programa de débeda 2024 e estratexia de financiamento 2025, presentado ao Consello de Goberno polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. Deste xeito, explicou que a execución do programa está enfocado tanto a "prudencia" na xestión de débeda como a "diversificación" nos provedores e investidores. Así mesmo, e do mesmo xeito que en anos anteriores, o Executivo galego optará por préstamos bilaterais con entidades financeiras, entidades públicas e con emisión de débeda pública.

Neste contexto, a Xunta fixo fincapé en que a estrutura da débeda galega reflicte precisamente a "prudencia" na xestión, "o que permitiu suavizar o impacto derivado do endurecemento das condicións de financiamento en resposta ás fortes tensións inflacionistas"."Iso permitiu que o custo medio da débeda no peche do ano 2024 fose do 1,55% a pesar do forte incremento que experimentaron os tipos de interese no últimos tres anos", reivindicou.

Así mesmo, detallou que o informe conclúe que o programa se executou "de acordo co previsto", cunha distribución "cauta" entre as diferentes modalidades de financiamento; emisión sustentable, préstamos BEI e préstamos con entidades financeiras privadas. A pesar destes "bos resultados", o Goberno galego mostrou tamén a súa "preocupación" polo impacto que pode ter nas súas previsións o "atraso" no cobro nas entregas a conta do sistema de financiamento autonómico, "que o ano pasado supuxo un sobrecusto de 10 millóns de euros en pagos de intereses".

Rueda e Corgos, tras o Consello da Xunta
Rueda e Corgos, tras o Consello da Xunta | Fonte: David Cabezón

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta