Axudas para que o alumnado galego aprenda idiomas no estranxeiro e para que acredite os seus coñecementos

O prazo de solicitude destas axudas estará aberto ata o próximo 3 de marzo para Secundaria e Bacharelato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2025 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

A Xunta abre este luns o prazo para solicitar dúas convocatorias de axudas para que alumnos universitarios e de Bacharelato aprendan idiomas con estancias de verán no estranxeiro, un prazo que estará aberto ata o próximo 3 de marzo. Segundo detallou o Executivo galego nas ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), o obxectivo destas é que o alumnado realice cursos de idiomas noutros países que poidan contribuír a "enriquecer" os seus coñecementos lingüísticos e a súa cualificación.

No caso do alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, debe estar matriculado no curso 2024/25 en, como mínimo, 50 créditos (excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados) de estudos de grao. Tamén deben superar 60 créditos a data de 30 de setembro de 2024, excluídos tamén, os recoñecidos, convalidados ou adaptados. Ademais, o curso de idiomas debe ser presencial, ter unha duración mínima de tres semanas, excluíndo as datas da viaxe, e un mínimo de 45 horas lectivas. Así mesmo, o idioma que se desexe cursar deberá ser distinto do castelán e deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

Os solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas presencialmente no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto de 2025, ambos inclusive. Con todo, a dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será de 1.200 euros para estancias en países de Europa e de 1.500 euros para estancias no resto do mundo. Neste caso as solicitudes deberán facerse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

En concreto, a selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria será realizada polo órgano instrutor, que "dará prioridade a aquelas que no expediente académico teñan unha cualificación da nota media máis alta, establecida a catro decimais". "En caso de empate na nota media do expediente académico, terá preferencia para a concesión da axuda aquel alumnado que superase un maior número de créditos", aparece recollido na orde publicada no DOG. Por outra banda, non poderá acceder ás axudas o alumnado que resultase beneficiario en anteriores convocatorias ou o alumnado que, con nacionalidade distinta á española ou con dobre nacionalidade, realice a estancia no seu país de orixe ou nalgún do que é nacional.

AXUDAS BACHARELATO

No caso dos alumnos de Bacharelato, o período de realización destas actividades comprenderá desde a primeira semana do mes de xullo ata finais do mes de agosto de 2025, coa excepción das actividades para segundo de Bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto. Os estudantes disporán de 647 prazas en total para estancias en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña. En canto aos requisitos, os alumnos deben estar a cursar, no réxime xeral, primeiro ou segundo de Bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos durante o curso 2024/25. Así como superar todas as materias no curso 2023/24 e non ter concedida, neste curso, outra axuda coa mesma finalidade.

Outro dos requisitos é obter no curso 2023/24, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai a perfeccionar na estancia, unha cualificación mínima de 6 no cuarto curso de ESO para as prazas convocadas para primeiro de Bacharelato e de 6 no primeiro curso de Bacharelato para as prazas convocadas para segundo curso. Con todo, as axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titor/a legal, en caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio en Galicia.

PROBAS DE NIVEL LINGÜÍSTICO

No caso desta orde de axudas, está destinada a contratar a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado e o seu principal obxectivo é acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado nos niveis de competencia B1, B2 ou C1. En concreto, poderán participar nesta convocatoria todos os centros privados concertados non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nos que se impartan ensinos de ESO, Bacharelato e FP. Deste xeito, a axuda outorgada a cada centro será de 100 euros por estudante e proba, ademais, esta dotación económica irá destinada á realización das probas das destrezas orais e das destrezas escritas, así como á certificación correspondente conforme o MCERL. Con todo, as solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Alumnado e estudantes dun instituto
Alumnado e estudantes dun instituto | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta