A outra cara da investidura: aplausos da bancada do PP cada dous minutos e bocexos e olladas ao móbil da oposición

Sen grandes sorpresas, como se agardaba, o discurso pronunciado este martes polo candidato á reelección á fronte da Xunta, Alfonso Rueda, pasou sen pena nin gloria. Algo máis de hora e media foi o que durou. Nas bancadas fa tribuna do público, ausencias importantes.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/04/2024 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A deste martes foi unha sesión caracterizada por un férreo protocolo, sen saírse da liña marcada anteriormente por Feijóo nos seus descursos e sen grandes sorpresas. O contido do discurso de Rueda, máis aló dalgún que outro novo anuncio, xa era de sobra coñecido, tras trascender ao medios nos últimos días. Así, o líder dos populares en Galicia non deixou moitos titulares máis aló das promesas de goberno e a man tendida á oposición para chegar a pactos en materia de industria, polo que a monotonía dun descurso pautado rematou con bocexos, olladas constantes ao móbil e ao reloxo e cambios de postura na cadeira por parte dos tres líderes da oposicion: Ana Pontón, Xosé Ramón Gómez Besteiro e Armando Ojea. Algo máis de hora e media foi o que durou un discurso que só estivo amenizado polos aplausos dos deputados populares.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é aplaudido durante o segundo debate de investidura
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é aplaudido durante o segundo debate de investidura | Fonte: Álvaro Ballesteros

O candidato a ser nomeado por segunda vez presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, estivo acompañado durante o pronunciamento do seu discurso no Parlamento galego, ademais de polos deputados populares no Parlamento, polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; polo presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Regueira; o exconselleiro de Economía, exvicepresidente do Goberno galego e actual presidente da Comisión Mixta da Unión Europea, Francisco Conde; a exconselleira de Medio Rural e do Mar e actual deputada do PP por Ourense, Rosa Quintana; e a deputada do PP por Pontevedra Irene Garrido Valenzuela; entre outros excompañeiros, amigos e familiares.

Entre o público tamén se atopaba o expresidente do Parlamento de Galicia, Tomás Pérez Vidal; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro Fernández; a directora xeral de relacións institucionais e parlamentarias, Blanca García-Señoráns; o presidente do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, Manuel Pérez Álvarez; a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado; e varios alcaldes populares.

ANA PONTÓN, PRIMEIRA EN CHEGAR; BESTEIRO, COMEDIDO; OJEA, EN SOIDADE

Pasaban uns minutos das 9:30 horas da mañá cando entraba no hemiciclo a líder do BNG, Ana Pontón, acompañada de Olalla Rodil, que aínda tivo uns minutos para falar cos seus compañeiros de filas no Parlamento. Case ao mesmo tempo entraba o candidato de Democracia Ourensana, Armando Ojea, que se sentou na súa cadeira ao final da sala a observar o panorama, tendo en conta que el é o único membro do seu partido, polo que tampouco podía compartir impresións con ninguén. O propio fixo o líder do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, que se mostrou comedido neses primeiros intres antes do discurso, tomando asento e agardando, paciente, pola chegada de Rueda, que non se fixo esperar demasiado. 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é fotografado durante o seu segundo debate de investidura
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é fotografado durante o seu segundo debate de investidura | Fonte: Álvaro Ballesteros

Foi aproximadamente ás 9:40 horas cando o líder do PP galego, Alfonso Rueda, entrou na sala, ao lado do vicepresidente Diego Calvo. Tamén nese intre chegaron ao hemiciclo o resto dos deputados populares, aos que Rueda saudou de maneira xeral. Non se achegou aos membros da oposición en ningún momento (tampouco o faría ao remate da sesión). Antes de sentarse, sacou do seu maletín o discurso de investidura para fotografarse con el. A importancia desta foto radicaba en que ao seu lado aparecía a súa muller.

"MEDIA HORA DE APLAUSOS": ATA 45 APLAUSOS PAUTADOS EN 90 MINUTOS

O pleno arrincou sobre as 9:45, cando o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, procedeu a explicar como se desenvolverían as sesións dos vindeiros días e, acto seguido, cedeu a palabra ao propio Rueda, que se achegou ao estrado entre os aplausos e vitores dos deputados populares. Aplausos que non cesarían ao longo do seu descurso, pois, como o propio líder de Democracia Ourensana afeou nas súas declaracións ao final da sesión, "foi case hora e media de intervención, pero hai que descontar media hora de aplausos; uns aplausos de duración indefinida a cada cousa que dicía o presidente". "Se o regulamento permite aplaudir, tamén tiña que permitir silbar, non?", reflexionou ironicamente.

En concreto, contadas unha por unha, foron unhas 45 as ocasións nas que o discurso de Rueda se viu interrompido polos aplausos: se estimamos que o pleno durou unha hora e media, 90 minutos, daría un total dun aplauso cada dous minutos. Aplausos que, lonxe de semellar espontáneos, víase que estaban perfectamente medidos: aplauso cando se falaba da Galicia que funciona, de que por enriba de todo defenderá os intereses de Galicia, de que Galicia tamén é España, de que Galicia non vai quedar calada ante a amnistía; tamén cando se recordou o resultado electoral, a estabilidade de Galicia fronte a unha España dividida, as baixadas de impostos ou a defensa do Estado constitucional; e tamén ao nomear os vínculos sociais coa emigración, a temática industrial (en especial cando Rueda se referiu a Altri e á garantía da súa legalidade ambiental), as novas leis para a regulación dos montes ou as axudas en educación ou da sanidade pública, entre outras cuestións.

UNHAS 112 VECES NOMEOU RUEDA 'GALICIA', PERO TAMÉN 56 'GOBERNO CENTRAL'

Alo menos 112 veces repetiu Rueda a palabra Galicia durante o seu descurso: máis de unha vez cada minuto e medio; pero tamén foron 56 as veces que o líder do PP nomeou a palabra Goberno central ou España: máis dunha vez cada dous minutos, para pedir ou recriminar cousas a Sánchez. Cando o facía, non había máis que botar unha ollada cara o asento de Besteiro para ver a súa cara de sorpresa, sorpresa, como logo diría ao remate da sesión, porque Rueda adicase gran parte do seu descurso a falar do Goberno central: "O que me atopei foi nos primeiros 35 minutos un ataque constante ao que é o Goberno de España", diría Besteiro ao remate da sesión. Algo que tamén foi criticado por Armando Ojea.

Un Ojea que, precisamente, non puido disimular o seu aburrimento durante o descurso de Rueda, botando as mans á cabeza para suxeitala cada pouco, cruzando os brazos, mirando de cando en cando cara as bancadas do PP a ver o que estaban facendo os demais deputados, olleando o móbil... Aínda que isto último non o fixo tanto como Ana Pontón, que pasou máis das tres cuartas partes da sesión consultando cousas no seu WhatsApp, ben a través do móbil ou ben a través do ordenador, e compartíndoas con Olalla Rodil, pois ambas políticas nacionalistas se amosaron moi cómplices durante toda a xornada. Tampouco Besteiro puido deixar de consultar o móbil nalgunha que outra ocasión, aínda que no seu caso tomou algunha nota máis, manual, con papel e boli. Iso si, que a sesión se lle estaba facendo longa tamén foi algo que deixaron notar os seus cambios continuos de postura na cadeira e o seu mirar de vez en cando a hora no reloxo.

REFERENCIAS A ESCRITORES GALEGOS E AOS SEUS PREDECESORES NO CARGO

Rueda, nada máis comezar a súa intervención, asegurou ter "ilusión" polo cargo que aspira a renovar e "enerxía" para emprender unha nova etapa, pero durante o seu discurso non se deixou notar tanto esa ilusión desmedida, senón que máis ben se amosou sosegado e correcto. Sen grandes alardes nin aspaventos, seguiu a liña do que se esperaba. As partes máis salientables foron aquelas nas que fixo referencia a grandes escritores galegos ("somos os encargados de seguir materializando o soño que no seu día compartiron Rosalía, Brañas, Castelao, Piñeiro e outros moitos que, desde diferentes coordenadas ideolóxicas, compartiron o amor a unha Galicia dona do seu futuro") ou aos seus predecesores á fronte da Xunta ("Galicia foi avanzando ao longo destes anos grazas á responsabilidade e á visión de país dos que me precederon na Presidencia da Xunta: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijóo"). En opinión de Ana Pontón tras finalizar o acto, un descurso "que é como o día da marmota, coas mesmas promesas, o mesmo discurso, que podía ser o de hai dous, catro ou oito anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta