Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2024 | Actualizada ás 13:11
O II Encontro de Empresarios, impulsado polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, celebrarase este xoves e venres, 11 e 12 de abril, en Compostela. Entre outros asistentes, prevese a presenza do nuncio do papa, Bernardito Auza; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o titular da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, e o responsable da Conferencia Episcopal, Luís Argüello.
Participarán nestas xornadas uns 200 empresarios, directivos e profesionais que reflexionarán acerca de materias como ética, responsabilidade e ben común. Trátase da segunda cita en Santiago que se celebra deste encontro que tivo a súa primeira edición en 2022.
Na tarde deste xoves, será o recibimento aos asistentes, que participarán ás 19,30 horas na misa do peregrino que se celebra na Catedral, onde gozarán dun concerto antes dunha cea na Hospedaría do Seminario.
Xa o venres, comezará o encontro cun acto protocolario ás 9,30 horas. Nesta xornada impartiranse tres conferencias: o presidente da Academia Pontificia da Vida, monseñor Vicenzo Paglia, falará sobre ética; o conselleiro de Estado e presidente da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, Benigno Pendás, centrarase no ben común; mentres que Jesús Conill, catedrático de Filosofía Moral e Política da Universidade de Valencia, abordará a sustentabilidade.
Os bispos das dioceses galegas, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e as confederacións provinciais de empresarios tamén asistirán a este II Encontro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.