Alegacións do SLG contra a fábrica de Altri porque "destruiría miles" de empregos de produción alimentaria

O Sindicato Labrego Galego censura que isto ocorre nunha ocupación de 366 hectáreas e cun gasto de 46 millóns de litros de auga diarios coma se "fose ter lugar nunha zona onde non hai ningún tipo de actividade"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2024 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) presentou alegacións contra o proxecto da "macrocelulosa" de Altri en Palas de Rei (Lugo), xa que "destruiría miles" de empregos relacionados coa produción alimentaria.

Nun comunicado, tacha de "falta de respecto" o argumento da creación de postos de traballo esgrimida pola Xunta de Galicia para "xustificar ante a opinión pública o seu apoio público á macrocelulosa proxectada polas empresas Altri e Greenalia en Palas de Rei".

Censura que isto ocorre nunha ocupación de 366 hectáreas e cun gasto de 46 millóns de litros de auga diarios coma se "fose ter lugar nunha zona onde non hai ningún tipo de actividade".

Avisa de que hai unhas 5.000 granxas na contorna de 30 quilómetros de afectación mínima desta industria. A modo de exemplo, apunta que Pas, Melide, Santiso e Agolada teñen 258 explotacións lácteas que producen máis de 82 millóns de litros ao ano.

Igualmente, apunta a que os principais municipios afectados contan con máis dunha vintena de proxectos ecolóxicos, catro queserías acollidas á denominación de orixe protexida Arzúa Ulloa e outras dúas de Teto. Tamén hai 82 envasadores da indicación protexida Mel de Galicia.

Terreos onde se construirá a planta de Altri en Palas de Rei
Terreos onde se construirá a planta de Altri en Palas de Rei | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta