Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2024 | Actualizada ás 10:13
O Concello de Santiago entregou este xoves as súas Medallas de Ouro, que condecoran a figuras crave na historia de Compostela, á xornalista Tareixa Navaza e ao activista político Luís Pasín, ademais de nomear Fillos Predilectos da cidade ao médico Ramón Baltar, á artista e comerciante Aurora Pereira (Aurichu), ambos a título póstumo, e ao divulgador cultural Ezequiel Méndez.
A cerimonia celebrouse esta tarde no Teatro Principal, presidida pola alcaldesa Goretti Sanmartín e coa participación da Corporación municipal, que entregou tamén as distincións de Fillos Adoptivos ao párroco José Porto e ao profesor Manuel Quintáns a título póstumo.
O pianista Javier Otero foi o encargado de pór banda sonora ao arranque do acto, durante o que todos os homenaxeados presentes asinaron no Libro de Honra do Concello. Tras a entrega de distincións, a alcaldesa clausurou a cerimonia agradecendo a "estes homes e mulleres que fan esta cidade aínda máis fermosa".
Entre as achegas destas figuras a Compostela, Sanmartín quixo destacar "a defensa do benestar social, a solidariedade con quen máis o necesita, a aposta pola sanidade e o ensino público, polo dereito á vivenda e á memoria ou a urxencia de reclamar unha voz propia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.