Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2024 | Actualizada ás 16:09
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo este mércores unha reunión co embaixador de Ucraína en España, Serhii Pohorelstev, na que lle trasladou o interese da Xunta pola situación do seu país e a intención de estreitar lazos entre os dous territorios. O representante ucraíno acudiu acompañado polo conselleiro comercial da embaixada, Oleksander Gerasymyuk.
Tras o segundo aniversario da invasión rusa contra o territorio e a poboación ucraína, cumprido o pasado 12 de marzo, Diego Calvo interesouse especialmente polo estado da poboación civil e confirmou o apoio da Xunta e o compromiso de Galicia coa reconstrución do país.
A maiores, o conselleiro mostrou o seu interese pola situación actual de Ucraína como país candidato á adhesión na Unión Europea e polo estado das negociacións neste sentido. Por outra banda, Calvo incidiu en que non se pode esperar ao fin do conflito para traballar no fortalecemento dos lazos entre Galicia e Ucraína, especialmente en sectores estratéxicos e nas oportunidades de intercambio comercial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.