Por Galicia Confidencial | Allariz | 26/04/2024 | Actualizada ás 09:00
O Programa RE, impulsado dende a concellería de Medio Ambiente do Concello de Allariz para promover prácticas sostibles e fomentar a xestión responsable dos residuos, inclúe estas semanas a distribución de 50 novos composteiros de 300 litros para a veciñanza.
Estes composteiros, cunha capacidade óptima para facilitar a descomposición dos residuos orgánicos, entréganse como parte da iniciativa integral para reducir a pegada ambiental e promover a economía circular na comunidade.
A compostaxe doméstica non só contribúe á redución dos residuos enviados a vertedoiros, senón que tamén xera un valioso recurso en forma de compost orgánico moi útil para fertilizar solos e promover a saúde de xardíns e cultivos locais. O composteiro, débese situar nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
PARA SOLICITAR COMPOSTEIROS
É importante destacar que para participar no programa e solicitar un destes composteiros, as persoas interesadas deben enviar un correo electrónico a medioambiente@allariz.gal. Ademais, é necesario contar cunha parcela no Concello de Allariz na que colocar o composteiro para poder acceder a un.
Dende o Concello de Allariz instase aos beneficiarios destes composteiros a aproveitar ao máximo esta oportunidade e participar activamente no proceso de compostaxe, contribuíndo así á construción dun entorno máis limpo, saudable e sostible para as xeracións futuras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.