Por Europa Press / Redacción | | 27/04/2024 | Actualizada ás 17:55
O escritor e profesor Anxo Angueira reivindicou o "fondo" político e feminista de Rosalía de Castro no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (RAG), no que profundou sobre a poética da luz da obra da autora nada en Santiago e falecida en Padrón.
A localidade padronesa foi precisamente o lugar elixido para a celebración do acto de ingreso na Academia do presidente da Fundación Rosalía de Castro, que ocupa desde este sábado o asento que deixou libre Salvador García-Bodaño co seu falecemento no ano 2023.
O autor e profesor da Universidade de Vigo nacido en Dodro no ano 1961 elixiu o auditorio municipal de Padrón para o seu acto de ingreso na RAG, ao que deu a benvida o seu presidente, Víctor F. Freixanes. Alí, Angueira lembrou que as instalacións do actual auditorio foron no seu día o instituto de secundaria no que estudou BUP e COU, unha etapa na que, como subliñou na súa intervención, espertou a súa "formación intelectual e cívica, ao mundo da cultura e do amor, que é o mundo en todos os sentidos".
"Dalgunha maneira, con este acto de tan alta honra, regreso ao lugar no que empecei e do que partín, onde se forxou de maneira decisiva o que eu son como escritor, como profesor e como cidadán", sinalou o novo académico, que rememorou que foron os versos de Rosalía tallados na estatua da autora no espolón de Padrón as primeiras líneas que leu en galego.
O discurso de ingreso de Anxo Angueira foi respondido pola académica Chus Pato, que encomiou os méritos para ingresar na institución do novo académico, a quen definiu como un garante do coñecemento e a divulgación do 'Rexurdimento' galego. Pola súa banda, o presidente da Academia subliñou que a incorporación de Angueira á RAG "fortalece os recursos intelectuais e humanos a favor da nosa cultura e a nosa lingua, ben necesitada de todas as vontades, intelixencia e traballos".
A "POÉTICA DA LUZ" DE ROSALÍA
Angueira dedicou o seu discurso a profundar na "poética da luz" de Rosalía, que constitúe, ao seu xuízo, "un signo moi persoal e ao mesmo tempo moi significativo, mesmo singular, respecto de todo o conxunto da súa obra".
Para o filólogo, a 'Alborada' da escrita constitúe "un canto nacional popular que chama ao espertar político de Galicia", mentres que 'Negra Sombra' supón "o recoñecemento de como o 'eu consciente' pode estar sometido á convivencia con outros eu".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.